O Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal acollerán este sábado 10 os tres últimos directos -de acceso gratuíto ata completar capacidade dos recintos- do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que bota mañá o pano
O percusionista senegalés e o trío bretón actuarán por vez primeira en Galicia no marco do evento, no que Levecque ofreceu no 2017 un exitoso espectáculo para público infantil e xuvenil
O Noia Harp Fest despedirase este sábado da súa 11ª edición con tres concertos de altura e que terán lugar en dous espazos emblemáticos da localidade coruñesa: o Claustro de San Francisco e a Praza do Tapal. O virtuoso percusionista senegalés Momi Magia, a francesa Camille Levecque e os bretóns Descofar porán o ramo ao Festival Internacional de Arpa Vila de Noia con tres actuacións que, de seguro, quedarán para o recordo do público asistente.
A xornada comezará ás 19.00 horas coa estrea do Claustro de San Francisco (Casa do Concello) coma nova sede do Noia Harp Fest, que acollerá o recital da intérprete francesa Camille Levecque, quen volve formar parte do cartel logo da súa participación no ano 2017 co espectáculo infantil e xuvenil El arpicuento. Nesta ocasión, será un concerto íntimo -entrada de balde e libre ata completar a capacidade do espazo- no que o público do festival poderá coñecer, desde a proximidade, o traballo desta recoñecida arpista, quen ademais de actuar nas mellores salas europeas con formacións orquestrais, tamén ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger.
Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá dous directos -cuxo acceso tamén será gratuíto- nunha noite marcada pola experimentación e pola estrea en Galicia dos seus protagonistas. A sesión comezará con Descofar, un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico damúsica bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo, e dos arpexos brillantes aos riffs ruidosos, todo coa intención de reivindicar a emoción a través do son. O seu primeiro LP, Chimera (2022), mestura temas orixinais, composicións tradicionais e cultura rock. O movemento estará garantido.
A continuación, o peche do 11º Noia Harp Fest chegará tamén co debut en Galicia do cantante e intérprete senegalés afincado en Cataluña Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, quen presentará o seu primeiro disco, NIO, no que combina o jazz étnico, o flamenco e os son das súas raíces mandinka. Sobre o escenario, a partir das 22.00 horas, os sons da kora, do violín, do violonchelo, da percusión e da voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerán unha viaxe sonora espectacular entre os límites da creación musical contemporánea e da tradición oral de Senegal.
NOIA HARP FEST
O Noia Harp Fest celebra a súa 11ª edición do 8 do ao 10 de agosto. Trátase do único evento cultural do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador interpretación musical a través da arpa. Bandas e solistas chegadas de Alemaña, Escocia, Francia, Senegal e Ucraína, ademais do talento local, forman parte dun cartel ateigado de talento e pluralidade estilística.
O Noia Harp Fest, dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, e que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, ten neste 2024 seis escenarios: a Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia, a Praza do Tapal, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro. Toda a información sobre as bandas, solistas e horarios dos concertos pódese consultar en www.noiaharpfest.gal.
AXENDA NHF | 10 DE AGOSTO
19.00h – Claustro de San Francisco | Camille Levecque (Francia)
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia contará este ano con seis escenarios: o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro únense aos situados na Igrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e a Praza do Tapal
O evento arrancará, por terceiro ano consecutivo, cun encontro do alumnado das escolas de arpa de Galicia e cunha foliada aberta á cidadanía
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de presentar esta mañá o cartel e programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto. Serán tres xornadas que se caracterizarán pola ampla pluralidade estilística, con concertos de folk, jazz ou clásica, e na que a protagonista absoluta será, de novo, a interpretación musical a través da arpa.
O Noia Harp Fest, que conta co apoio do Concello de Noia, da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, é o único evento do noroeste peninsular que ten como eixo vertebrador a música producida pola arpa en toda a xeografía planetaria. A diversidade estilística e de públicos é, sen dúbida, unha das principais características do evento que dirixen Alba Barreiro, Beatriz Martínez e Rodrigo Romaní, quen salienta que o festival “non se parece a ningún outro, pois reúne unha especial combinación de elementos que lle confire unha personalidade única, con concertos de proximidade e para prazas a ceo aberto, e que non entende de fronteiras”.
Neste 2024, arpistas e bandas de Alemania, Escocia, Francia, Senegal e Ucrania formarán parte do cartel do festival, no que se integrarán, como é habitual, artistas e colectivos galegos. Así, a música da arpa soará ao longo de tres xornadas por toda a localidade, que este ano acollerá máis escenarios ca nunca: un total de seis espazos serán sede do NHF. É o caso daIgrexa Museo de Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela, o Liceo de Noia e a Praza do Tapal, ás que se unen, nesta ocasión, o Claustro de San Francisco e a Rúa do Curro.
O NHF comezará, por terceiro ano consecutivo, co Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, unha proposta que procura estimular a relación e crear unidade entre as e os instrumentistas máis novos do país. Deste xeito, máis de 25 nenas e nenos de distintas localidades galegas darán conta dos seus coñecementos e xuntos interpretarán, como peche do concerto, un tema en común. A cita será o xoves 8 de agosto no Liceo de Noia. Xa en horario de tarde, a Rúa do Curro será o punto no que se desenvolva a Foliada de benvida ao Noia Harp Fest, na que participarán arpistas de SonDeSeu. A intérprete, cantante e compositora alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta, será a responsable de abrir ás 19.00h a xornada do venres 9 cun recital na Igrexa Museo Santa María A Nova. Os concertos continuarán pola noite no Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará Solomiia Savchuk, moza ucraniana residente en Ferrol e destacada intérprete de Bandura, un instrumento do seu país de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laude; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, que ofrecerá un dos directos máis esperados deste ano. Ambos músicos son recoñecidos intérpretes de ‘clarsach’ (arpa escocesa) e guitarra acústica no seu país e presentarán no Noia Harp Fest o seu lanzamento máis recente, SPARKS, un traballo no que regresan ás súas raíces, nas Highlands, e no que presentan unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.
De cara ao sábado 10 de agosto, a francesa Camille Levecque inaugurará o Claustro de San Francisco como sede do Noia Harp Fest. Será un concerto íntimo no que o público do festival poderá coñecer por vez primeira o traballo da intérprete, que ten colaborado con artistas como Mike Oldfield, Hélène Grimaud ou Benoit Fromanger. Xa pola noite, a partir das 21.00 horas, a emblemática Praza do Tapal acollerá unha noite marcada pola experimentación e que contará coa música de Descofar e Momi Maiga.
Descofar é un trío bretón que se define como “un híbrido do alento melódico da música bretoa, a potencia do post-rock compacto e a intensidade inmediata da improvisación”. A banda de Brest pasa da disonancia ao lirismo referenciado e dos arpexios brillantes aos riffs ruidosos, polo que o movemento estará garantido. O peche chegará co cantante e intérprete senegalés Momi Maiga, virtuoso da kora e atrevido compositor, que presentará no Noia Harp Fest o seu primeiro disco, NIO. Sobre o escenario, un cuarteto composto por kora, violín, violonchelo, percusión e voz (Maiga canta principalmente en mandinka e wólof) ofrecerá unha viaxe a camiño entre o jazz, o flamenco e a tradición oral de Senegal.