No FIOT33 o espectáculo ‘Moby Dick’ para toda a familia, triple sesión de Rúa dos Contos e grandes mulleres: ‘#MQVS’ e ‘Olvido Flores’

Esta fin de semana, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, inaugura o seu Programa de Sala coa estrea absoluta de ‘Mulleres que viven soas #MQVS’, o sábado 5 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo.

Neste 2024, o FIOT establece unha alianza con Berrobambán, unha das compañías máis consolidadas do panorama galego, para esta estrea na que se integran dous dos eixos constantes do noso festival, a narración oral e a temática feminina. A autora da obra é Paula Carballeira, Xograresa de Outono do FIOT, que recentemente sumou aos seus numerosos galardóns o Premio Nacional de Literatura Dramática.

As mulleres que viven soas sempre foron sospeitosas. Tres mulleres son as protagonistas, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres bruxas que encarnan os males deste mundo e que nos serven de referencia para rirnos da diferenza entre como nos ven (ou nos contan) e como nos sentimos nós dentro das nosas casas. Xa se sabe, as bruxas, coa súa teima de liberdade e de coñecemento, asustan.

A orixe deste proxecto é unha sesión de contos de Paula Carballeira que, posteriormente, medraría cunha serie de podcast que recollen experiencias e retratos íntimos de mulleres Agora convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino interpretado por Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, que darán voz e corpo a historias reais e personaxes femininas de ficción.

Antes, o mesmo sábado 5, contra ás 13.00h, terá lugar a primeira sesión deste 2024 de Onda FIOT, Escola do Espectador nas Ondas. Deste xeito, regresan as conversas escénicas e culturais cos equipos artísticos dos espectáculos programados no FIOT. Cada sesión, arredor dun café ou vermú, ten entrada libre e estará guiada por un xornalista especializado. As entrevistas son gravadas en vivo para ser logo escoitadas á carta en ww.fiot.gal, en formato podcast, sempre que o público o desexe. A primeira sesión xirará ao redor de Mulleres que viven soas #MQVS  e narración oral, coa participación de Paula Carballeira, María da Pontragha, Vero Rilo, Avelino González e Cándido Pazó. Moderan os xornalistas Dani Galindo e Raúl Losánez. Será no Pazo da Cultura de Carballo (andar 0, Salón Social), con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Ademais, a Praza do Concello de Carballo será testemuña a tarde deste venres, 4 de outubro, da función para toda a familia da compañía Pedras de Cartón ‘Moby Dick’. Ismael, un mozo que embarca nunha baleeira para enfrontarse a perigosas aventuras, atoparase cunha balea, un enorme cachalote de tres metros. ‘Moby Dick’ é unha adaptación libre e esteticamente espectacular da obra clásica de Herman Melville. Montado sobre un triciclo autónomo, a figura deste animal mariño moverá o seu corpo, abrirá e pechará os ollos, e incluso expulsará auga, creando un xogo dinámico e interactivo co público. Pedras de Cartón presenta o seu novo espectáculo de rúa, sen apenas palabras, onde a comedia e unha posta en escena impresionante capturan a esencia dunha historia que atrapa a toda a familia. A compañía é recoñecida pola adaptación de clásicos da literatura ás novas linguaxes e estéticas, para achegar o teatro clásico aos máis novos, polo que obtiveron a Mención Especial no Festival de Almagro e varios nomeamentos aos Premios María Casares.

Pola súa banda, a Rúa dos Contos regresa aos bares de Carballo este mesmo venres, cunha dobre sesión: 

‘Contos entre cordas’ (ás 21.00h no Casino 1889): Como reunir nun palco a unha narradora galega e a unha arpista francesa? Cal é a relación entre Claude Debussy e San Andrés de Teixido? O vínculo entre as rosquillas e a música romántica, entre a tradición oral galega e o repertorio da arpa clásica, entre os contos e as cordas. Percorreremos un mesmo camiño na busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra de María da Pontragha, antropóloga e contadora de historias que sempre pon o acento na cultura das xentes de aldea como parte do realismo máxico da Pontragha, e a música de Bleuenn Le Friec, recoñecida arpista bretoa e galega de adopción.

‘Instruccións para tomar café’ (ás 23.00h, no Cafe Colón): Retratos debuxados con humor e retranca onde a bondade e a mesquindade, o éxito e o fracaso, o real e o imaxinado conviven en perfecta desharmonía. Esta escolma de historias que falan de nós, os humanos imperfectos que somos, está inspirada nos relatos de Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala. O contador de historias Carlos Rebolo, que leva anos arrincando sorrisos e reflexionando desde o escenario, estrea na nosa Rúa dos Contos o seu novo espectáculo, disposto a facernos rir de nós mesmos e reflexionar sobre a vida ou, polo menos, sobre como tomar café.

A terceira cita da fin de semana coa Rúa dos Contos será mañá, sábado 5, cun concerto de Carta de Axuste, onde tocarán a xeito de parodia O mellor e peor dos 80 e 90 (ás 23.00h, na Taberna O Patacón).

Finalmente, da man de Camiño Escena Norte, o FIOT33 acollerá, o domingo 6 de outubro, ás 20.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, a función de Estefanía de Paz Asín ‘Olvido Flores’, dentro do OTNI (Obxecto Teatral non Identificado), coas últimas entradas dispoñibles a través da plataforma Atquilla: 

https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/default_category/537-salon-de-actos-do-pazo-da-cultura/x3agfrfg-33-fiot-carballo-otni-estefania-de-paz-asin-olvido-flores

En xullo de 1936 o Circo Anastasini chega a Lodosa, en Navarra, e os seus membros desaparecen sen deixar rastro. Din que algúns foron fusilados e que o resto se viron obrigados a entreter á tropa. ‘Olvido Flores’ conta unha historia de amarga beleza, poesía, circo e guerra; unha homenaxe á memoria e ao recordo. Estefanía de Paz rescata relatos que cobran vida a través de obxectos convertidos en personaxes que contan o que pasou naquela escura noite, iluminando a súa historia, a nosa historia. A intérprete e creadora é unha artista multidisciplinar que combina o seu traballo con outras compañías coas súas creacións propias.

Os bonos do Programa de Sala estarán dispoñibles ata este venres 4 ás 23.59 h.

O sábado 5 ás 12.00 h poñeranse á venda en Ataquilla as localidades que quedaran sen adquirir para as 8 funcións de sala. 

Camiño Escena Norte chega á Costa da Morte con funcións en Carballo e Vimianzo

CEN desembarca de novo no FIOT esta fin de semana con ‘Olvido Flores’, de Estefanía de Paz Asín, quen recupera a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados no 1936

O vindeiro sábado 12, o auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de ‘El nadador de aguas abiertas’, un espectáculo sobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizado por Markos Marín e Adolfo Fernández 

O elenco das compañías vascas e navarra participará, ao remate das funcións, en sendos encontros co público asistente

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á Costa da Morte. O domingo 6, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, no marco do FIOT, a única función en teatros galegos de Olvido Flores, da navarra Estefanía de Paz Asín; mentres que o sábado 12 o auditorio municipal de Vimianzo será o recinto no que se represente El nadador de aguas abiertasdas compañías K. Producciones e Tanttaka Teatroa

A primeira das citas enmárcase no ciclo OTNI do FIOT. A artista multidisciplinar Estefanía de Paz Asín presentará o domingo 6, ás 20.00 horas, Olvido Flores,unha peza que pon sobre a mesa a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados na localidade navarra de Lodosa en xullo de 1936. A creadora rescatou información e relatos da época para dar conta do que pasou aquela noite e iluminar a memoria da troupe circense. Ao remate da función, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, celebrarase un encontro coa artista. As entradas para á cita están dispoñibles no espazo web www.fiot.gal

Xa de cara á semana seguinte, o sábado 12, o CEN adentrarase na Terra de Soneira. O auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de El nadador de aguas abiertas, peza que conta cos actores Markos Marín e Adolfo Fernández coma protagonistas absolutos, e na que se aborda a amizade e a superación a través da aprendizaxe da natación. A función comezará ás 20.30 horas e, ao remate, celebrarase un encontro cos actores. 

As entradas para asistir ao espectáculo, producido polas compañías vascasK Producciones e Tanttaka Teatroa, xa están a venda a través www.woutick.es. Logo da súa representación na Costa da Morte, a peza, candidata a seis Premios Max 2024, poderase ver o 17 de outubro en Lugo. 

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE NA COSTA DA MORTE

06.10, 20.00h | Carballo (Pazo da Cultura)

Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)

* Función enmarcada no Camiño Expandido – Vieiros: colaboración co FIOT de Carballo. 
Unha troupe de máis de 50 artistas facía xira polo norte de España e apagaron as luces bailando coa morte. Achéganos os testemuños das persoas que viviron os acontecementos sucedidos en Lodosa en xullo de 1936. E gardaron o recordo. Olvido quere dar voz aos sen nome, a esas persoas esquecidas ás que ninguén lles levou flores tras a súa morte.

Artista multidisciplinar, profesional das artes escénicas, Estefanía de Paz Asín traballou para outras compañías, institucións e colectivos, combinando a condición de creadora coas habilidades como cantante, bailarina e actriz. É unha muller con formación en circo, teatro, danza e voz. Un dos seus últimos recoñecementos foi o premio Fetén á Mellor Interpretación co espectáculo La Reina del Arga no 2022. 

PROMO | Fotos e vídeos de Olvido Flores, dispoñibles aquí. 

12.10, 20.30h | Vimianzo (Auditorio Municipal)
El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS
)

Son dous… pero non son parella. Aínda que o poida parecer en ocasións.
Son dous e son homes. Aínda que lles sobra tenrura e ganas de pasalo ben.
Son dous e vas rir con eles. Se cadra ata os queres adoptar. Pódese falar.
Son dous e necesítanse. Aínda que non o saiban.
Son dous en cartel, pero moitos no escenario. 

K. Producciones, compañía con sede en Bilbao, nace en 2002 da asociación de Adolfo Fernández, actor e director, e Cristina Elso, produtora, coa intención de levar a cabo proxectos de autores contemporáneos cun marcado contido político e social. Esta aposta decidida pola autoría viuse recompensada con 3 premios Max: En la orilla, Mellor Adaptación 2018; Ejecución hipotecaria, Mellor Autoría Revelación 2015; e Vida y muerte de Pier Paolo Pasolini, Mellor Adaptación 2004.

PROMO | Fotos e vídeos de El nadador de aguas abiertasdispoñibles aquí

20241003-CEN-na-Costa-da-Morte