por Beatriz Dourado | Feb 27, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Celso Emilio Ferreiro. Escolma poética
Edición literaria: Ramón Nicolás
Ilustracións: Baldo Ramos
Editorial: Faktoría K de Libros
Ano de publicación: 2008
Hai xa máis dunha década que recibín este libro coma agasallo das familias da miña primeira promoción de alumnxs. Coido que deberon pensar, despois de tratar comigo durante tres anos, que coa poesía acertaban de pleno. E vaia que si acertaron.
Á marxe de formar parte dun recordo persoal moi fermoso, este é un dos libros ao que volvo varias veces. E é que Celso Emilio é un deses autores que segue vixente malia o inevitábel paso do tempo. O berro contra a criminalización da inmigración, a precariedade laboral ou o desmantelamento dos servizos públicos, que padecemos na actualidade, está vivo na voz deste célebre celanovés. Tamén a defensa pola lingua, testemuño que recollemos, conforma parte do seu legado poético. E mesmo os versos que chaman por Moraima, polo amor, seguen arrecendendo á frescura coa que nos recoñecemos, irremediabelmente, no campo dos afectos.
O marabilloso desta edición é a elegancia coa que se dispón a excelente escolla de trece poemas, coma trece lúas, coas ilustracións de Baldo Ramos nun ceo de papel, que chega a despregarse para ampliar os horizontes de quen aquí se asoma. Asemade, a combinación das cores, co predominio do negro e o vermello, amósanos o latexo incesante dun universo que non se apaga, que segue prendendo a vindeira alborada. Contra a inxustiza e a indiferenza, velaquí o universo de Celso Emilio Ferreiro.
Chove, chove na casa do probe
e no meu corazón tamén chove.
por Beatriz Dourado | Feb 5, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Los galgos, los galgos
Autora: Sara Gallardo
Editorial: Malas Tierras
Año: 2021
É difícil explicar o abraio que supón atopar unha novela tan impresionante coma esta, que data de 1968. Unha novela que envellece realmente ben e que nesta edición, tan coidada de Malas Tierras, amósase coma unha verdadeira alfaia literaria. Case cincocentas páxinas que retratan unha época e unha sociedade coma a arxentina, albiscando o luscofusco que envolve ao seu protagonista, Julián, que semella ir animalizándose ao longo da obra.
Cargada de humor, intelixencia e, tamén, de melancolía, Los galgos, los galgos narra, con gran mestría e delicadeza, a viaxe dun perdedor, que evoca na lectora ou lector unha amálgama de diferentes sensacións, que van desde a tenrura até o desprezo. Non é doado despegarse desta fuxida cara ningures, que alterna os escenarios Bos Aires-París-Bos Aires, e que talvez veña a indicarnos que ninguén pode ficar por sempre nun lugar invariábel.
Sen dúbida, o tempo, tan habilmente tratado pola autora, sexa o elemento transcendente que conforma esta narración. O tempo que nos consome e que pasa arrogantemente veloz coma os adorábeis galgos de Las Zanjas, ese lugar que nos recibe e nos despide con certo sabor agridoce.
“Caminemos. Otra vez caminemos, a campo atraviesa. Ya se ve mi casa. Allí, extendidos en mecedoras de color, estarán mis parientes”.
Imposíbel non anotar o nome de Sara Gallardo e querer descubrir máis sobre a súa escrita tan brillante e vivamente poética. Esta é xa unha tarefa pendente.
por Beatriz Dourado | Dic 28, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: CORREDORA
Autor: María Reimóndez
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2017
Deseño da cuberta e interiores: Miguel A. Vigo
Imaxe da cuberta: Zerihun Seyoum (pintor etíope), The Runners, 2006
Volvo á LIX con Corredora. Xa anteriormente comentara que as liñas que delimitan as lecturas para público infantil- xuvenil ou adulto son –ás veces-pouco nítidas. E coido que está ben así. Sobre todo, para poder movérmonos, sen ningún tipo de estigma, por diferentes propostas literarias, que nos enriquecen a todxs.
Recoñezo nestas páxinas a mirada crítica da súa autora, María Reimóndez, sempre comprometida con diferentes causas sociais e políticas. A través da protagonista desta historia –Genet, unha atleta etíope-, asistimos a unha carreira de fondo pola visibilidade das mulleres e do seu empoderamento. De feito, diría que o libro deixa en si un certo pouso a resistencia, a seguirmos correndo para loitar polos nosos dereitos.
“Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro”.
Sen dúbida, estamos perante un relato conmovedor e de superación, que nos convida a coñecer outras realidades xeográficas e culturais e, especialmente, a pensar e repensar un mundo que segue a pór obstáculos a todas aquelas persoas que se afastan do prototipo home branco- occidental- acomodado.Abofé, un relato necesario.
por Beatriz Dourado | Dic 9, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: O verán no que miña nai tivo os ollos verdes
Autor: Tatiana Țîbuleac
Tradución: Andreea Birsanu
Editorial: Rinoceronte
Ano de publicación: 2022
Nada máis ver o libro sobre a mesa da libraría, a vista repara nese título que desprende poesía. Case sen querelo –ou querendo, quen sabe- penso en miña nai, nos seus ollos castaños case verdes, que van adquirindo esa cor cos primeiros raios de sol.
Precisamente, do que máis gustei desta lectura é do desvío que toma a narrativa para levarnos ao territorio do poético. Imaxino que algunhas cousas só poden ser transitadas –que non contadas- desde ese lugar.
O inicio é especialmente duro. Nel asistimos a unha relación materno-filial convulsa, desgastada, cargada de odio e desconfianza. As palabras que emprega o protagonista, Aleksy, para referirse á súa nai, desde unha evidente violencia, chegan a sacudir a quen le. Coido que eses primeiros capítulos, dalgún xeito, constitúen unha proba de fogo para decidir se seguir ou non coa trama, co risco que iso supón para calquera obra.
A medida que avanzo e coñezo máis aos personaxes, que van amosando os seus matices, comezo a sentirme máis cómoda na lectura. Non porque mingüea intensidade da devastación do relato, senón porque dan en brotar algunhas sementes no ermo que existe entre nai e fillo. E a beleza vai aflorando, aos poucos, coma o xirasol da portada, mergullándonos nun verán infinito a través das pradeiras francesas.
En pouco máis de duascentas páxinas podemos viaxar por diferentes emocións e, mesmo, recoñecernos nalgúns recunchos do drama, malia que cada familia, como escribiu Tolstói, é infeliz á súa maneira. Talvez sexa este unha especie de libro- bala: impacta, fire, mais deixa espazos en branco para atoparmos algunha senda cara ao propio encontro.
por Beatriz Dourado | Oct 28, 2022 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: O QUE FICA FÓRA
Autor: Manuel Rivas
Editorial: APIARIO
Ano de publicación: 2021
Creo que debo confesar, antes de escribir sobre O que fica fóra, a miña debilidade por Manuel Rivas. El é un dos primeiros autores que comecei a ler en lingua galega. Linlle e léolle narrativa, ensaio, artigos de prensa, e, sobre todo, Poesía –se é que esta última non se filtra tamén no resto de xéneros cultivados polo escritor-. Devezo sempre, sempre, por escoitalo recitar. Aínda hoxe manteño nítida a imaxe do poeta nun dos seráns do pasado xullo, inaugurando o ciclo Versos na Barraca en Lugo, protexido pola nosa muralla, vixiado desde o ceo polos guindastres, mantendo desafiante a flor de toxo na man.
Acáelle ben o branco a esta obra que pouso e aloumiño entre as miñas mans. Quen logra resistir ao branco? Todo está coidado ao detalle na edición de Apiario: a encadernación, a textura e calidade do papel, a distribución entre os poemas imprentados e os manuscritos e, mesmo, a exclusión do paxinado. Este libro, coma o mar, non quere pecharse nin se pecha. Este libro “anda ás ceibas”, moi dentro de quen o le.
O libro respira. O libro é un ser vivo. Déixase acariñar mais non atrapar. Por veces semella un ser mariño –“a náufraga que camiña no mar con pés de la”-, deixándonos algo de salitre na boca. Outras, muda as branquias por pulmóns, “abrindo galerías no manuscrito da terra”, na procura dalgún faro que nos devolva a vista, nesta cegueira perpetua dos nosos días. Porén, a metamorfose non quere ceder e a vida amosa a súa capacidade de redución, case até a extinción, para dicirnos en clave de haiku, que “pobre, pobre/ é non ter/ escuridade ningunha”. Velaí un vagalume.
Premio Follas Novas deste 2022 nas categorías de Poesía e Libro mellor editado, O que fica fóra é, sen dúbida, o único que fica en pé, despois de tantasguerras, crises e pandemias. Imprescindíbel lectura –osíxeno- para as que abrazamos moitas das formas do exilio.