Elefante Elegante dirixe en Nuremberg a adaptación da novela “Os bicos feridos”
Producida polo Teatro Gostner, Schmetterlinge é unha proposta escénica internacional que explora as emocións humanas a través dunha colaboración galego-alemá.
A adaptación teatral -dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro- da novela “Os bicos feridos”, de Anna R. Figueiredo estrearase este 14 de novembro e estará en cartel ata o 7 de decembro.
Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora galega Anna R. Figueiredo.
Este novo espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase este xoves 14 de novembro no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg . Estará en cartel ata o 7 de decembro.
Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive en Galicia desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia.
A obra Schmetterlinge, título que significa en alemá bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe que combina unha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. Esta colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico e internacional.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.
MÁIS INFORMACIÓN
https://www.instagram.com/elefante.elegante.teatro/
https://www.facebook.com/elefanteelegante.net/
NP-_-Estrea-Schmetterlinge-_-Elefante-Elegante