O Noia Harp Fest pon o foco nas músicas de raíz da man de Rachel Hair & Ron Jappy, Nadia Birkenstock e Solomiia Savchuk
Santa María A Nova acollerá un recital da arpista alemá; mentres que o Teatro Coliseo Noela será o escenario no que o público poderá gozar, ao vivo, a sonoridade dos instrumentos tradicionais ucraínos e escoceses
As músicas de raíz serán protagonistas este venres, 9 de agosto, da segunda xornada do 11º Noia Harp Fest. A alemá Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta; a ucraína Solomiia Savchuk, destacada intérprete de bandura; e o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy, salientable polo seu dominio da clarsach (arpa escocesa) e da guitarra acústica, ofrecerán as actuacións do día, cuxo acceso será de balde ata completar capacidade dos recintos.
A intérprete, cantante e compositora Nadia Birkenstock, recoñecida pola súa destreza coa arpa celta e cuxos vídeos suman millóns de visualizacións na plataforma Youtube, dará un recital ás 19.00 horas en Santa María A Nova. Será unha cita íntima na que se poderán escoitar temas dos seus álbums en solitario.
Xa pola noite, a música ao vivo trasladarase ao Teatro Coliseo Noela. No recinto actuará, en primeiro lugar, Solomiia Savchuk, moza ucraína residente en Ferrol, cantante e destacada intérprete de bandura, un instrumento de corda pulsada que combina elementos da cítara e o laúde, así como da kobza. A bandura, profundamente arraigada na cultura popular ucraniana, é fundamental na música folclórica do país.
A continuación, o dúo escocés Rachel Hair & Ron Jappy achegará un dos directos máis animados deste NHF. Procedentes de vilas mariñeiras ricas en tradición musical e excelentes intérpretes de clarsach (arpa escocesa) e guitarra acústica, ambos músicos darán a coñecer o seu lanzamento máis recente, élan (2023), un traballo no que regresan ás súas raíces para presentar unha mestura ecléctica de jigs, reels e marchas de Escocia, Irlanda e Illa de Man.
AXENDA NHF | 9 DE AGOSTO
19.00h – Santa María A Nova | Nadia Birkenstock (Alemaña): https://www.youtube.com/watch?v=qvyijUMqp_U
21.00h – Teatro Coliseo Noela | Solomiia Savchuk (Ucraína)
22.00h – Teatro Coliseo Noela | Rachel Hair & Ron Jappy (Escocia): https://www.youtube.com/watch?v=PcfLHSd_zKE
20240808-NHF-Axenda-venres-9