O FIOT33 acolle esta fin de semana a estrea absoluta de ‘Multiperspectivas#3’, de Paula Quintas, e a estrea en España da sensación arxentina ‘El brote’

Pola súa banda, Malena Alterio regresa ás táboas de Carballo para presentar, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, a función ‘Los amigos de ellos dos’

O público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h; ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade

Paralelamente, o sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco de Micro-Escenas M2: ‘Rebel Rebe’, de Vórtice Escénico, na tenda de roupa Akira; e ‘Teño un carabel no peito’, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, continúa a andaina da súa  33ª edición esta fin de semana con tres novas propostas no marco do OTNI e do seu Programa de Sala: por unha banda, a galega Paula Quintas presentará a estrea absoluta de Multiperspectivas#3, a súa nova creación, o venres, 18 de outubro, ás 20.00h, no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo. 

Improvisación teatral, circo, danza, tecnoloxía e performance son os compoñentes desta proposta orixinal e nova que parte da nosa perspectiva como espectadores, deixando espazo para a interacción. O público gozará somerxéndose nunha instalación circense compartida a tempo real na que vivirá unha experiencia a curta distancia da acción, da que forman parte humor, risco, beleza e sorpresa. Esta “cápsula #3” é a culminación dunha investigación na que a creadora, bailarina, coreógrafa e artista circense Paula Quintas experimenta cos límites das artes escénicas para enfrontarse coa realidade do espazo que nos rodea: os límites entre o privado e o público, e o vivencial na arte.

Xa o sábado 19 de outubro, ás 20.00h, chegaralle a súa quenda á estrea en España de El brote, da compañía Criolla. Cun ritmo vertixinoso, esta comedia, por momentos moi negra, móstranos a cara interna do teatro e retrata con acidez as relacións humanas e as frustracións contemporáneas, convidándonos a mirarse e buscar os límites propios. Este espectáculo foi estrado no ano 2023 e converteuse nun verdadeiro fenómeno da carteleira de Bos Aires, recibindo diversos premios. Considerado como un das figuras máis relevantes do teatro arxentino da última década, o autor e director Dionisi, crea unha obra poética e conmovedora interpretada con paixón e virtuosismo por Roberto Peloni.

Ao finalizar a representación de El brote, no mesmo auditorio do Pazo da Cultura, terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González.

Antes, na mesma xornada do sábado 19, ás 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h, chegan ao FIOT dúas novas propostas de micro-teatro no marco do Certame Micro-Escenas M2Rebel Rebe, de Vórtice Escénico, que poderá verse na tenda de roupa Akira; e Teño un carabel no peito, de Aviva-Lo, na Fonte da Cristina.

Finalmente, este domingo, 20 de outubro, ás 20.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, Malena Alterio regresará ás táboas de Carballo para presentar a función Los amigos de ellos dos, unha omedia dramática reflexiona sobre como as persoas se senten valoradas polos seus achegados, as inseguridades e percepcións que os rodean, e papel que cada un ocupa nesta sociedade. Daniel Veronese ten unha das traxectorias máis relevantes do novo teatro arxentino, con máis de 25 premios, entre eles o Premio Nacional de Dramaturxia de Arxentina ou o Max Iberoamericano. Nesta obra dirixe a dous recoñecidos intérpretes e tamén multipremiados, Malena Alterio (último Goya á interpretación feminina) e David Lorente, que nos conducirán entre a risa e a reflexión para explorar os vínculos humanos e as súas complexidades.

No marco das actividades paralelas, o público poderá asistir a unha conversa coa artista Paula Quintas, nunha nova sesión de Onda FIOT – Escola do Espectador nas Ondas, o sábado 19, ás 13.00h, no Salón Social do Pazo da Cultura; e, tamén, a un ‘Café con’ con Malena Alterio e David Lorente, o domingo 20, no Salón da TV, ás 18.00h. Ambos encontros son de libre acceso ata completar a capacidade da sala.

AXENDA DO #FIOT33 DO 18 AO 20 DE OUTUBRO 

VENRES 18 DE OUTUBRO

OTNI

Multiperspectivas#3

Paula Quintas

21.00 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura 

SÁBADO 19 DE OUTUBRO

Onda FIOT: Escola do Espectador nas Ondas

Conversa aberta ao público sobre Multiperspectivas#3

Con Paula Quintas, moderada pola xornalista de TVE especializada en artes escénicas Machús Osinaga

Micro-Escenas M²

Rebel Rebe

Vórtice Escénico

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na tenda de roupa Akira 

Teño un caravel no peito

Aviva-Lo

12.00, 13.00, 18.00 e 19.00h na Fonte da Cristina

Programa de Sala

El brote

Compañía Criolla

20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

Ao rematar a función terá lugar a entrega do galardón Xograr de Outono 2024 a Avelino González

https://fiot.gal/programa/xograr-de-outono/

DOMINGO 20 DE OUTUBRO

Café con…

Conversa aberta ao público en torno á representación de Los amigos de ellos dos

Con Malena Alterio e David Lorente

18.00 h no Salón da TV do Pazo da Cultura

Programa de Sala

Los amigos de ellos dos

Producciones [Off] e Vania

20.00 h no Auditorio do Pazo da Cultura

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no FIOT.

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegará ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre.

Deste xeito, o FIOT regresa durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentra 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilarán por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) seguen a conformar a identidade do FIOT nesta 33ª edición. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival contará, de novo, coas liñas habituais que conforman cada ano o seu cartel: ademais do programa de sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións de programación, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. 

Deste modo, un ano máis, haberá narración oral na Rúa dos Contos, teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 

Fiel á súa vontade de ser, de novo, “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións o o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. A través da plataforma online Ataquilla.com, o público poderá facerse coas súas entradas para as diferentes seccións do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos e FIOT en Ruta. Na páxina web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar a información completa desta 33ª edición do FIOT.

MÁIS INFORMACIÓN

2024.10.17.NP-axenda-FIOT33