Desgarradura – Víctor Longás e Lucas Ares inician a súa ‘Residencia Paraíso’ na MIT de Ribadavia
Desde este luns, día 8, e até o domingo 21 de xullo, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, os creadores desenvolverán o seu proxecto de creación ‘The Miracle Worker’, que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, tras formarse e madurar fóra del
Unha vez finalizada a súa residencia, a compañía madrilena ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco da MIT, na Igrexa da Madalena o domingo, 21 de xullo, ás 20.30h, con acceso libre
Paralelamente, Desgarradura participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Os artistas Lucas Ares e Víctor Longás, da compañía madrileña Desgarradura, inician a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 8 de xullo, no marco da 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM.
A Igrexa da Madalena acolle, desde hoxe e até o domingo 21 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do tándem creativo que ten por título The Miracle Worker, un proxecto de creación escénica de Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe da familia e das raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro.
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Lucas Ares e Víctor Longás ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar na MIT, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, o domingo, 21 de xullo, ás 20.30h, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, os creadores participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
The Miracle Worker nace da necesidade dos membros da compañía de conectar cos seus lugares de orixe. Recordar, reimaxinar, reescribir, revivir… “só ten sentido se volvemos a onde todo comezou”. Despois de saír da terra e formarse e madurar como artistas fóra dela, lonxe das súas familias e raíces.
The Miracle Worker busca crear xuntos coa idea de estar en escena, de activar co corpo este dispositivo milagroso que permite recordar, revivir e continuar vivindo. Busca armar un dispositivo escénico capaz de seguir obrando o milagre, traballando os conceptos de fogar, familia, recordo, perdón, reinterpretación, representación, culpa e milagre dende unha perspectiva física. Contrastando o traballo co vídeo en directo en espazos non convencionais.
The Miracle Worker é un proxecto de creación da compañía madrileña Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe das súas familias e raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro.
SOBRE A COMPAÑÍA
Lucas Ares (actor, bailarín e creador escénico) e Víctor Longás (escenógrafo, artista plástico e creador escénico) coñécense no contexto da Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid en 2017 e comezan a traballar xuntando as súas visións afíns sobre a escena en diferentes proxectos.
Desde 2021, baixo o nome de Desgarradura, estrearon varias pezas de creación propia, como Díptico de Verónica, no Teatro de La Abadía, no marco de Domingos de Insurrección, festival de creación contemporánea en espazos non convencionais e que puido verse noutros espazos como o Contenedor Cultural da UMA; ou Criadas, no Teatro Quique San Francisco, dentro do segundo festival Sala Joven, que presentouse, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego.
O traballo que realizan en Desgarradura sitúase no espazo de converxencia entre as artes plásticas e as linguaxes propias das escénicas, un espazo cheo de tensións, onde entender e expandir o acto escénico en si. Exploran o cruzamento entre corpo, obxecto, movemento, palabra e imaxe, con especial interese nas súas afeccións corporais, en proxectos escénicos, plásticos e de investigación, desde o performativo e as iconas da cultura popular. Colocan no centro da súa práctica o uso de vídeo en directo como elemento narrativo fundamental das pezas, experimentando coa imaxe e os modos de xerar presenzas en escena.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.
Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
2024.07.08.-NP-Residencias-Paraiso-Desgarradura