Hai lugares agardando, xente á espera, agasallos nun peto procurando o sorriso do neno que nos habita. E no solpor senlleiro pregúntome por que nos abrangue esa teima de vivir fuxindo de quen por nós pregunta, tamén nos días solleiros…
Crúa atmosfera de coitelos afiados, terrible travesía polas escuras rúas vixentes. No seu xesto agrisado cae a bágoa sobre o abismo. Estou cando non me ves, dilúome no xentío. Eu son na dor e a dor é en min cando queres ceibarte pero es a cadea.
Sostennos soamente o amor, acotío desprezado. O amor paxaro nunha gaiola. O amor que escolle vivir encarcerado. O amor imparable e o amor á cadea. O amor un día ferido, ao seguinte esnaquizado. O amor rexurdido.
Nas súas dispares feituras, o amor billete de ida. Que é e non se reflicte. O amor que cala e o que é silenciado. O amor que se agocha, errático, nas tebras dun orgullo ferido. O amor á beleza, de infindas maneiras marxinada. O amor á forma e á silueta. Ao abismo, ás marxes. Ás augas dun río en fuxida, ao illó dun prado cercado. O amor á espiña, defensa do pétalo albiscado. Ao conflito, tamén, que en ti se tece, que nas mans me ferve. O amor á cerna e á mirada, nela debuxado. E o amor debuxando a mirada.
Sostennos o amor, na humidade da outonía, na folla do carballo. O amor en travesía e o amor ancorado. O amor que sempre é hoxe e que nunca é pasado, que no cancro do presente salta o valado.