MARIMONDRA 🏳️‍🌈, o sinxelo co que Mondra reivindica con orgullo “ser galego e maricón”, xa está dispoñible nas plataformas dixitais

A nova creación de Mondra, un tema proLGBTIQA+ no que reivindica a creación cuir en galego e feita no país, quere dar voz á disidencia e á diversidade


O tema acompáñase dun videoclip no que o artista e o seu equipo bailan rodeados de froita de orixe galega, á vez que signan e visibilizan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”



Mondra leva por bandeira “ser galego e maricón”. Por iso, no Día do Orgullo LGBTIQA+, o artista multidisciplinar lanza o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e no que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema está dispoñible desde hoxe nas principais plataformas dixitais.

Ei, son MARIMONDRA / un ser ben dramático / Sempre di meu pai / que nacín fóra do armario” canta Mondra nunha peza na que tamén participa a intérprete Mónica de Nut, unha colaboración que xoga coa dualidade, tanto a nivel musical coma gráfico. “Enfrontamos a sofisticación, neste caso a través do canto lírico, co desenfado”, explica o creador, quen tamén apunta ao vídeo que acompaña o tema (e que codirixe con Adela Otero), un traballo ambientado nunha froitaría algo inusual e na súa diversidade de cores e formas.  

Deste xeito, MARIMONDRA preséntase como un canto proLGBTIQA+ que reivindica, con orgullo, a creación cuir galega, disidente, diversa e inclusiva; feita no país e implicada no territorio. O tema abrangue un discurso tanto lúdico e festivo coma comprometido. En atención ás diversas realidades presentes no colectivo, Mondra e o seu equipo (Jandros Rodríguez e Sabela Domínguez) visibilizan múltiples identidades con orgullo. Así, coa coreografía de Daniel Rodríguez e co asesoramento do proxecto ‘En Lingua de Signos’, signan termos como “trans”, “lesbiana”, “cuir” ou “marica”. 

“Queremos que MARIMONDRA sexa un canto de celebración, de liberación e de orgullo, que poida representar a calquera persoa do colectivo”, asevera Mondra, quen avanza que o tema se poderá escoitar nas súas vindeiras citas en directo. 

MONDRA

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis frescos e prometedores da nova escena musical galega. O pasado outono publicou ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) o seu primeiro traballo discográfico, unha proposta que celebra e reclama, que coida e berra, e abre a porta a unha terra diversa; e pola que foi recoñecido recentemente co Premio Martín Códax na categoría de Electrónica

Desde a estrea de ARDĒN na Sala Capitol (setembro de 2023), Mondra ten participado coa súa FOLĪA das ARDENTES en numerosas citas musicais. Este verán será parte do cartel de festivais imprescindibles do noroeste peninsular. É o caso Portamérica, Atlantic Pride, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas ou Osa do Mar, entre outros moitos. 

Mondra publicará o 28 de xuño, Día do Orgullo, ‘MARIMONDRA’, un canto de celebración cuir

O tema, que se poderá escoitar a partir das 00.00 horas deste venres 28 en todas as plataformas dixitais, conta coa colaboración de Mónica de Nut

A proposta artística de Mondra xoga coa dualidade entre sofisticación e desenfado, tanto a nivel musical coma visual

Mondra publicará este venres 28 de xuño, coincidindo coa celebración do Día do Orgullo LGBTIQA+ o seu novo sinxelo, MARIMONDRA, un canto á disidencia e que reivindica a creación cuir en galego e desde Galicia. O tema, no que colabora a intérprete Mónica de Nut, estará dispoñible a partir das 00.00 horas do día 28 nas principais plataformas dixitais.

O creador do universo ARDĒN (Altafonte, 2023) co que está a xirar desde o pasado mes de setembro por escenarios de toda Galicia, lanza desta quenda unha canción pro LGBTIQA+, coa que quere, alén de dar voz á diversidade, facer unha proposta artística que xoga coa dualidade entre “a sofisticación e o nutritivo co desenfado e o saboroso”, segundo sinala Mondra, tanto a nivel musical coma gráfico. Neste sentido, o tema MARIMONDRA acompañarase dunha peza audiovisual que estará dispoñible tamén a partir das 00.00 horas do venres 28 na canle de VEVO do artista.

Pregarda MARIMONDRAhttps://links.altafonte.com/marimondra

20240626-NP-PREVIA-MARIMONDRA