‘Lovismo’, o último disco de ABDL, lánzase este venres 17 co amor como leitmotiv

  • ‘Lovismo’ componse de 11 temas de estilos variados, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco
  • A presentación pública de ‘Lovismo’ vai ser o 1 de febreiro na Sala Capitol de Santiago no que promete ser unha festa na compañía de artistas amigas das ‘lobas’ como De Vacas ou Tomé Mouriño, entre outros
  • As entradas están á venda na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía de Santiago de Compostela 

Comeza a conta atrás para que Lovismo, o novo disco d’A banda da Loba, ABDL, estea dispoñible nas principais plataformas dixitais. Este venres, 17 de xaneiro, o público coñecerá por fin os once temas que integran o quinto traballo do grupo, un disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL.

O disco comeza co sinxelo xa presentado Lova, un tema que fala da transformación a través do amor, da liberación dese fío vermello que nos conecta co resto de persoas, deixando atrás os prexuízos, as normas e as imposicións para amar e amarnos como desexemos. Segue con Amigas, unha reflexión sobre a sororidade na amizade feminina cuxa mensaxe está inspirada no libro Canto eu e a montaña baila de Irene Solá.

A terceira creación é Un pelouro que roda, un exercicio de serendipia que une nada máis e nada menos que Rosalía de Castro con Bob Dylan. Un (inesperado) vínculo entre Follas Novas (1880) e Like a Rolling Stone (1965) que confirma o poder visionario de Rosalía.

Con A bachata da gata a banda atrévese co xénero dominicano para falar sobre o desexo con versos tomados do poemario Nós nus de Olga Novo. A quinta composición, Agora, inspírase na espera dun novo ser e o remexido de emocións que trae consigo. Se a iso engadimos a imaxe desa vida medrando nunha burbulla inzada de auga, o son do latexo do seu corazón e a fraxilidade dese pequeno ser, pódese ver facilmente o paralelismo coa lavadora que se escoita como único acompañamento rítmico deste recitado intimista.

O ecuador do disco, Estreliña riscada, é un arrolo, un agasallo intanxible para certa lobiña que acaba de chegar ao cubil e tamén, por extensión, para todos os pequechos que desde un colo protector escoitan a quen lles canta con todo o amor do mundo. A sétima canción, Salta, é, sen dúbida, a peza máis vitalista deste Lovismo: un convite a saltar, bailar e vivir a vida gozando cada minuto ata o solpor.

No tocante ao xa presentado Xogo de agardar, trátase dun tema inspirado no que se sente cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. Unha creación sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. A novena canción, Cruel filosofía, é a musicalización do poema homónimo de Luísa Villalta e conta coa colaboración de Tomé Mouriño (De Ninghures). Todo colle nesta peza: a quietude nas agullas do reloxo, a necesidade humana de florecer cando só nos quedan espiñas pero tamén o amor propio, o espírito de superación e a liberdade ao bailar.

Na décima composición, E o mar, ABDL volve á poesía de Villalta para falar da conexión emocional do pobo galego co mar, da necesidade de coidalo, de protexelo e, por que non?, de escoitalo. Lovismo pecha con Olliños, unha canción coproducida con Terrae sobre as regras do xogo do amor que aprendemos por ensaio e erro para descubrir ao final que eran moito máis sinxelas e fermosas do que pensabamos.

Festa licántropa na Capitol

A presentación pública de Lovismoserá nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. As entradas para esta cita están á venda na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. Os menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable e será indispensable presentar o DNI.

Este concerto de presentación do novo traballo das “Lobas” será unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a Lovismo. Así, esa noite compartirán o escenario con De Vacas, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, responsables dos instrumentos de vento do disco.

ABDL

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volverán aos escenarios con Lovismo.

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.

Track list Lovismo:

  1. Lova
  2. Amigas
  3. Un pelouro que roda
  4. A bachata da gata
  5. Agora
  6. Estreliña riscada
  7. Salta
  8. Xogo de agardar
  9. Cruel filosofía
  10. E o mar
  11. Olliños

Concerto de presentación de ‘Lovismo’

1 de febreiro do 2025 | 21.30 h | Sala Capitol | 12 € anticipada e 15 € en billeteira

Entradas á venda en salacapitol.com e Trisquel Artesanía [Rúa da Acibechería, 31, Santiago de Compostela]

AVISO: Os menores de 16 anos poden asistir acompañados dun adulto responsable e presentando o seu DNI

Web A banda da loba | https://abandadaloba.gal/

A banda da Loba publica o seu novo disco ‘Lovismo’ o 17 de xaneiro


Lovismo, o quinto disco d’A banda da Loba, ABDL, publicarase o vindeiro 17 de xaneiro nas principais plataformas. Este esperado novo LP chega logo dun ano da banda afastada dos escenarios para traballar arreo nun disco que ten como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso…― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. 

O anuncio chega acompañado da saída do sinxelo Xogo de agardar e mais o seu videoclip, dispoñibles a partir das 00.00 horas deste venres 10 nas plataformas e mais na canle de YouTube da banda, respectivamente. Xogo de agardar é un tema inspirado no que sentimos cando coñecemos a unha persoa e, con só unha ollada, saltan faíscas. Un tema sobre as cóxegas na boca do estómago e ese xogo de sedución que pode acabar ben, ou non, pero que se converte desde o inicio nunha pequena historia de amor que enche de ledicia. Xogo de agardar publicarase ao mesmo tempo que o seu videoclip, gravado en Abrigueiro, con letra e música de Inés Mirás, exintegrante de ABDL

Ouveos de festa na Capitol 

A presentación pública de Lovismo será nun concerto na Sala Capitol de Santiago o vindeiro 1 de febreiro. As entradas para esta cita están á venda na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira. O menores de 16 anos poden asistir ao concerto sempre que estean acompañados dun adulto responsable e será indispensable presentar o DNI. 

Este concerto de presentación do novo traballo das “Lobas” vai ser unha auténtica festa na que estarán rodeadas de artistas amigos para dar a benvida a Lovismo. Polo de agora están confirmadas a participacións de Tomé Mouriño (De Ninghures) e dos músicos Adrian Real, Manu Doel, Lara Porto e Cristóbal Fernández, pero quedan aínda novas sorpresas que serán anunciadas axiña. 

ABDL 

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volverán aos escenarios con Lovismo

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.   

Videoclip ‘Xogo de agardar’ (estrea 10 de xaneiro ás 00h) | https://www.youtube.com/watch?v=mOMysHY8F_E 

Concerto de presentación de ‘Lovismo’ 

1 de febreiro do 2025 | 21.30 h | Sala Capitol | 12 € anticipada e 15 € en billeteira
Entradas á venda en salacapitol.com e Trisquel Artesanía [Rúa da Acibechería, 31, Santiago de Compostela]
AVISO: Os menores de 16 anos poden asistir acompañados dun adulto responsable e presentando o seu DNI

20250109-NP-ABDL-presenta-o-seu-novo-disco-Lovismo-o-17-de-xaneiro