Exposición “Canción de río”, de Marina González Guerreiro, na Galería NÉBOA
A Galería NÉBOA presenta Canción de río, exposición individual de Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992), comisariada por Laura Tabarés
O próximo xoves 12 de decembro ás 19:30 horas, a Galería NÉBOA inaugura Canción de río, a primeira exposición individual de Marina González Guerreiro en Galicia.
Nesta mostra, comisariada por Laura Tabarés, a artista explora as interaccións entre a auga, o tempo e a memoria, empregando elementos como a cerámica, os azulexos e obxectos escultóricos para configurar un ecosistema poético e minucioso. Canción de río é unha cita imprescindible para achegarse ao universo creativo dunha das voces emerxentes máis destacadas da arte contemporánea galega.
Hai algo semellante ao son duns chanzos que baixan cara á auga; cada chanzo supón unha pausa nesa cadencia. Esta imaxe é un limiar líquido que suxire camiñar cara ao seu interior.
Entrar na auga é introducir o corpo nunha substancia que nos compón. Pode implicar mergullarse completamente, camiñar desde a beira ata estar dentro, ou simplemente tocar a auga con algunha parte do corpo. Podemos, daquela, mergullar o corpo nun corpo de auga: un corpo de auga que ocupa un espazo e que, en relación ao tempo, ofrécenos un proceso de desgaste lento pero tamén de desprazamento de fragmentos. É posible, por tanto, entrar á auga nun río, nun pequeno regato, nun lago ou no mar por pouco tempo sen desfacernos de todo.
Na práctica do obradoiro é diferente. A auga, neste caso, opera como o fai nos materiais do mesmo mundo, desgastando e desprazando materia e significados, modelando así os pregues e concavidades dos obxectos. Os fragmentos arrastrados son partes mínimas, moi fráxiles, de volumes e grafismos que se van recolocando, reordenando e organizando de formas diversas. Estes xestos configuran novos ecosistemas. Son achados que definen unha articulación definitiva das paisaxes acuosas.
O corpo no obradoiro proporciona un encontro mediado entre a auga e o tempo. Se o obradoiro é un lugar onde as temporalidades mudan, neste caso o tempo está suspendido. As mans crean infiltracións en procesos que se repiten sobre materiais que atopan os seus propios límites de humidade e escorregamento. Nestas outras temporalidades, as memorias particulares da artista convértense en memorias colectivas, en narrativas fluídas que se reconfiguran constantemente.
No ecosistema húmido, minucioso e orgánico que nos presenta Marina González Guerreiro, somos visitantes dun proceso que nunca remata. O equilibrio da sala depende dun ciclo natural de circulación que se atopa detido.
Acceder a través do limiar líquido, baixar os chanzos e entrar na auga. Debaixo atopamos un espazo indefinido; cos ollos borrosos podemos ver os restos de estruturas fráxiles que gardan un espazo quimérico no que se perciben algúns artefactos e linguaxes indeterminadas.
As pías de auga bendita, concavidades cerámicas, semellan repousar á espera dun rito suspendido. Un acto doméstico antes ou despois do sono que nunca chega a ocorrer. As cunchas, cavidades testemuñais da auga, son, neste ecosistema reorganizado, reliquias somerxidas. Neste oratorio anegado atopamos tamén varios retablos con volumes petrificados, que semellan intuír baixo a superficie o fluir de varios recordos ou mesmo dalgunha imaxe oculta.
Nos azulexos, os grafismos semellan formarse baixo un idioma empapado que nunca se revela por completo. Unhas imaxes por fragmentos que, ao igual que as fichas, se despregan como unha corrente secuenciada de narrativas para esas memorias particulares, que se van multiplicando ou erosionando segundo a dirección do vento.
No máis profundo deste espazo indefinido podemos escoitar algo semellante ao son duns chanzos que soben da auga á terra: unha canción de río.
Laura Tabarés
Marina González Guerreiro (A Guarda, 1992) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e conta cun Mestrado en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia. Entre as súas exposicións individuais máis destacadas atópanse: Esta orilla es fruto na Galería Rosa Santos (Madrid, 2023); Buen Camino en La Casa Encendida (Madrid, 2022); Behind each escapist dream there is the day-to-day to sustain en Bungalow, ChertLüdde (Berlín, 2021), Given Time en Intersticio (Londres, 2021); Una Promesa na Galería Rosa Santos (Valencia, 2020); LMXJVSD en Pols (Valencia, 2020); Work Hard, Dream Big na Internet Moon Gallery (2019); e Luchar, creer na Galería Adora Calvo (Salamanca, 2018).
No ámbito das exposicións colectivas, participou en proxectos como A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía no Museo de Pontevedra (2024), comisariada por Susana González, Chus Martínez e Ángeles Tilve; Sustrato común. Una nueva arqueología de la materia en Fabra i Coats: Centre d’Art Contemporani (Barcelona, 2024); Nudos escurridizos na Galería Rosa Santos (Valencia, 2024); e Habitaciones en Travesía Cuatro (Guadalajara, México, 2024). Foi tamén seleccionada para a XXV Edición de Generaciones da Fundación Montemadrid en La Casa Encendida (Madrid, 2024). A súa obra exhibiuse en feiras de renome como ARCOmadrid e Artissima, consolidándose como unha voz destacada na arte contemporánea.
Información práctica:
- Inauguración: xoves 12 de decembro, ás 19:30 horas
- Lugar: Galería NÉBOA, Rúa Lamas de Prado 31, Lugo
- Artista: Marina González Guerreiro
- Comisaria: Laura Tabarés
- Duración da exposición: 12 de decembro – 8 febreiro