Lugo acolle unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO

Compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra participan na proposta, que conta coa presenza de figuras como Patricia de Lorenzo, XRon, Marta Alonso Tejada ou Mounqup

Anxo Manoel, de Lucecús Teatro, recolle o II Premio Julio Peña, galardón que recoñece os valores de cooperación de CEN

Camiño Escena Norte terá este sábado, 21 de setembro, a súa primeira parada en Outes, coa función de novo circo La casa de los dedos

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra esta semana no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Trátase do espazo de convivencia do CEN onde as compañías dos cinco territorios participantes no proxecto entran en contacto, dun xeito más próximo, á fin de coñecer as liñas de traballo e propostas estéticas dunhas e doutras; mais tamén profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

Habitación Peregrina PRO comezou este martes cun obradoiro sobre teatro accesible impartido polo Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), no que Patricia de Lorenzo e XRon partiron do traballo realizado na peza Helen Keller, a muller marabilla? Xa pola noite, tivo lugar a entrega do II Premio Julio Peña, outorgado a un profesional das artes escénicas polo seu compromiso e defensa dos valores de cooperación de CEN, e que este ano recaeu no galego Anxo Manoel, de Lucecús Teatro. A escultura foi realizada pola galega Esther Quintas. 

Na mañá deste mércores, as e os participantes en Habitación Peregrina PRO  recibiron a visitadaDeputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte. 

Previamente, as e os asistentes tiveron ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continuará mañá, nunha sesión na que Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) impartirá un taller sobre cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. Ademais da formación, este ano CEN promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da  actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.

Camiño Escena Norte chega a Outes por primeira vez

Este sábado, 21 de setembro, as funcións do ciclo itinerante Constelacións chegarán por vez primeira a Outes. A compañía cántabra El Conejo Salvaje, que aposta por unha creación interdisciplinar na que xunta as técnicas de clown, circo, comedia física e teatro cómico-xestual, interpretará o seu espectáculo La casa de los dedos. A peza, dirixida a público adulto, presenta a historia dunha barraca de feira que, mentres percorre distintas vilas de España, mostra o mundo sorprendente e extraordinario do oculto, do alén, das criaturas fantasmagóricas e inexplicables que viven entre a poboación, mais pertencen ao mundo dos mortos.  As entradas para a única función en Galicia -no marco de Camiño Escena Norte- de La casa de los dedos, que terá lugar o día 21 a partir das 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes, pódense adquirir a través da plataforma web www.bandoticket.com

20240918-CEN-en-Lugo-Habitacion-Peregrina-PRO