Dúas grandes iconas LGTBIQ+ do momento, Jimena Amarillo e Mayo, súmanse ao “line up” do Atlantic Pride 2025

O festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ confirma novos nomes para a súa 6ª edición –que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025– e programa as pinchadas de dous dj’s de referencia da escena española: Sofía Cristo e Cascales DJ
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nado na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
Dúas grandes iconas LGTBIQ+ do momento, Jimena Amarillo e Mayo, súmanse cartel do Atlantic Pride 2025. Así, o festival coñecido como ‘Orgullo do Norte’ confirma novos nomes para a súa 6ª edición –que se celebrará na Coruña do 6 ao 13 de xullo– e programa, tamén, as pinchadas de dous dj’s de referencia da escena española: Sofía Cristo e Cascales DJ.
Icona do pop lésbico, sentimental e urbano, Jimena Amarillo será primeira das novas figuras confirmadas no ‘line up’ do Atlantic Pride 2025 en facer a súa aparición no festival. Será o xoves, 10 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina, para facer bailar ao público ao son do seu romanticismo pop, que a artista serve sen rodeos e directo ao corazón.
Pola súa banda, o venres 11 de xullo, Cascales DJ, todo un referente todoterreo da escena electrónica española das últimas décadas, tomará os pratos do ‘Orgullo do Norte’ cun set que promete non defraudar e no que non faltarán o r’n’b, o pop, o hip-hop e outros estilos urbanos como o trap, o funk e o reguetón.
Mentres, o sábado 12 de xullo chegaralle á súa quenda a Mayo e máis a Sofía Cristo. O gran referente LGTBIQ+ das novas xeracións aterra na cidade da Coruña para presentar os temas de Season I, o seu primeiro traballo discográfico, que viu a luz o pasado ano a ritmo dun pop electrónico e intimista, con letras aditivas e un enérxico son, que viñeron confirmar o que todo o mundo intuía: que Mayo é, sen dúbida, unha das grandes revelacións musicais do momento.
Finalmente, o mesmo sábado 12, Sofía Cristo ofrecerá unha divertida pinchada entre o “remember” e os sons máis comerciais, conectada, tamén, co electro house, o beatroom e o future house, sons que a levaron a actuar o pasado 2024 nun dos grandes festivais de culto da electrónica internacional, o aclamado Tomorrowland.
GRANDES DIVAS DO POP, TALENTO GALEGO E ICONAS LGTBIQ+ NO ORGULLO DO NORTE 2025
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride celebrará a súa 6ª edición na Coruña do 6 ao 13 de xullo de 2025. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade herculina no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva.
A cita, que na súa pasada edición reuniu a máis de 25.000 persoas, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña ORCO- e o Concello da Coruña e conta co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
Neste 2025, o Atlantic Pride regresa como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comenzo do verán ao longo da Península e no que, un ano máis, se darán cita coloridas propostas para todos os públicos.
Así, no Atlantic Pride non faltarán concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de djs de referencia da escena galega e a celebración do IV Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que na súa pasada edición rexistrou o seu récord de participación e que neste 2025 ten xa aberta a súa convocatoria: https://atlanticpride.es/certame-literario/.
Nesta 6ª edición do Atlantic Pride está xa confirmada a presencia de cinco grandes divas do pop español, Judeline, Edurne, Nia, Merche e Paula Koops, que encherán a cidade herculina de cor e diversión, cunhas voces que farán as delicias de diversas xeracións. Xunto a elas, a nova escena musical galega subirase un ano máis ao escenario do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, da man de De Ninghures, Coolnenas, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla. A elas súmanse, agora, catro grandes iconas da cultura e a música LGTBIQ+, Jimena Amarillo, Mayo e os dj’s Sofía Cristo e Cascales DJ. Moi pronto, o festival anunciará novos nomes para completar o seu line up este 2025.

BIOGRAFÍAS NOVAS FIGURAS CONFIRMADAS NO ATLANTIC PRIDE 2025
Jimena Amarillo
Icona do pop lésbico, sentimental e urbano, Jimena Amarillo converteuse en referente da nova escena pop española dun xeito meteórico. As súas cancións –do mesmo xeito que os seus concertos– son unha amalgama de emocións e músicas do máis diversas, que sempre soan a Jimena Amarillo, cuns textos “marca da casa” que son puro realismo pop.
Ata o momento, publicou numerosos sinxelos e os discos Como decirte, mi amor (2021) e La pena no es cómoda (2023). Con este último, foi nomeada a mellor artista emerxente nos Premios de la Academia de la Música. Esta primavera de 2025 chega o seu terceiro disco e, tras el, o seu desembarco no Atlantic Pride da Coruña. O primeiro sinxelo deste novo traballo discográfico viu xa a luz. Trátase dunha canción da que a súa propia creadora di: “Flow deskiciada é o primeiro adianto dun disco no que, aparte de baladas e as miñas moñerías de sempre, fóiseme máis que nunca a cabeza e permitinme falar máis á lixeira, utilizando a xerga que máis me gusta e explorando outros camiños, meténdome máis de cheo no universo queer… por se non quedara claro que son lesbiana, pois o recordo aquí”.
Jimena Amarillo destaca na escena do novo pop español feito por debutantes autosuficientes e espontáneas que mesturan diferentes influencias e xéneros con naturalidade. A clave do seu éxito é a sinceridade; esa forma tan natural de contar as súas alegrías, penas e namoramentos e o sinxelo que resulta identificarse coas súas experiencias. Romanticismo sen rodeos e directo ao corazón. Por todo isto, a música erixiuse como toda unha icona da comunidade LGTBIQ+ e nomes como C. Tangana a sinalan como unha das artistas máis admiradas do momento.
Mayo
Cantante e compositor español que, sen dúbida, está a ser unha das grandes revelacións da tempada. Álvaro Mayo salta á fama tras o seu paso por Operación Triunfo (OT) na edición 2023, onde destacou tanto polo seu talento musical como polo seu carisma e representación do colectivo LGTBIQ+. É entón cando se converte nun referente, aínda que el mesmo considérase máis un reflexo da súa propia autenticidade que un activista. A súa visión artística busca transmitir mensaxes universais e conectar con diversos públicos mediante un estilo moi fresco.
Reconvertido en Mayo ao saír do recoñecido programa, o artista lanza o seu primeiro traballo, Season I, que o catapulta ao número 1 dos discos máis vendidos e ao número 1 en vinilo, segundo a lista oficial Promusicae España. Esgota a súa primeira xira en cuestión de minutos e convértese rapidamente nun dos referentes da música electrónica e de corte LGTBIQ+ do noso país. Na súa curta carreira, pisou xa escenarios multitudinarios como o de BRAVA en Madrid, o do Magdalena en Vivo en Santander ou o do Pride de Barcelona, onde canta xunto a Jessie J ante máis de 100.000 persoas. Neste tempo, Mayo converteuse, tamén, en todo un reclamo para las cabeceiras de moda máis importantes do país, chegando a protagonizar portadas en revistas como ICON, GQ, Shangay ou Neo2, entre moitas outras.
Sofía Cristo
Desde ben nova, Sofía Cristo soubo que a música ía ser a súa vida e tivo claro que quería dedicarse a ela en corpo e alma. En 1999 comeza a súa andaina como dj e lánzase a actuar nos clubs de moda da capital, entre eles, as salas Arena, Paladium ou Club Social… Camaleónica e incombustible, a artista conecta co público en canto sobe á cabina, convertendo unha noite normal nunha festa inesquecible.
Esta mediática e veterana dj da escena estatal, con máis de 20 anos de carreira ás súas costas, soubo evolucionar musicalmente acorde cos tempos, pero sen perder a súa esencia e deixando ao carón os estereotipos. Coas súas xiras, percorreu e percorre toda a xeografía española, xa sexa nas salas e discotecas máis emblemáticas de cada cidade ou en multitude de festivais e citas imprescindibles da época estival. Na actualidade, o seu estilo musical móvese entre o “remember” e os sons máis comerciais, aínda que segue, tamén, conectada co electro house, o beatroom e o future house. En 2024 debutou no prestixioso festival internacional Tomorrowland.
Cascales DJ
Compaxina o seu labor como xornalista cultural coa de dj. É redactor xefe da revista Shangay, medio de comunicación LGTBIQ+ de referencia en español, que en 2023 cumpriu 30 anos de existencia. Elixido polo xornal El Mundo en dúas ocasións como unha das 50 persoas LGTBIQ+ máis influentes de España, ademais de xornalista é dj, programador e asesor musical.
Como dj e music consultant, colaborou con marcas tan prestixiosas como Chanel, Tommy Hilfiger, Levi’s ou Swatch. Tamén creou espazos sonoros para firmas como Erotokritos, na Semana da Moda de París, e actuou en desfiles de moda en lugares tan representativos de Madrid como o Teatro Real, a Praza de Colón ou a Praza de Toros de las Ventas. No Movistar Arena formou parte do show de peche da primeira xira de Drag Race España e alí foi, tamén, dj de “warm up “no concerto do Nadal de Mariah Carey.
En Madrid foi dj residente, ao longo das últimas décadas, de locais tan emblemáticos como o Museo Chicote. Actualmente pica regularmente en salas como o Teatro Barceló e o Teatro Eslava. Formou parte do cartel de Sónar 2015 e 2019, FIB 2016, Paraíso 2022, Mallorca Live Festival 2023 e San Isidro 2019 e 2023. Actuou en eventos como os Premios Goya (en dúas ocasións), as Fallas de Valencia (en 2022 e 2023), o Festival de Málaga, ARN Culture and Business Pride de Arona (Canarias), a Gala Sida impulsada polo doutor Bonaventura Clotet e o cruceiro Open Seas, compartindo cartel con RuPaul. Como dj, organizou eventos privados en Madrid para artistas da pegada de Pet Shop Boys ou Anitta. E tamén é habitual en eventos audiovisuais. Entre as estreas nas que participou como dj se citan filmes como Barbie ou Top Gun 2: Maverick.
Hai 10 anos creou Bling!, un club enfocado á música urbana. Son festas naceron para fomentar a inclusividade e para que o público LGTBIQ+ tivese un espazo seguro no que gozar do r’n’b, o hip-hop e outros estilos urbanos como o trap, o funk e o reguetón. Bling! contou con residencias regulares en Madrid e Barcelona e agora derivou nunha nova proposta adaptada ás novas tendencias, chamada Jauría! Entre os Orgullos LGTBIQ+ nacionais nos que Cascales DJ actuou están os da Coruña, Orihuela, Torremolinos, Alcalá de Henares, Elxe, Onil e Sevilla.
Tamén programa anualmente o escenario “Proud Bling!” no Orgullo LGTBIQ+ de Madrid, polo que pasaron artistas como Nathy Peluso, Ptazeta, Ms Nina, Najwa, Javiera Mena, La Zowi, Megane Mercury, Anier, Chico Blanco, La Cendejas, Simona ou Bajocero X, en espazos como a Porta de Alcalá, a Praza de España e a Praza de Callao, e que Cascales sempre pecha co seu DJ set.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’
Impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- coa colaboración do Concello da Coruña, Atlantic Pride nace no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBIQ+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
MÁIS INFORMACIÓN