IRMAUS DA RAIA SECA en concerto na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 2 de novembro, ás 20 h, na Casa-Museo Manuel María, poderemos escoitar os Irmaus da Raia Seca. Os irmáns Pascual (Pedro: bouzouki e Pablo: clarinete baixo) e Álvarez (Gutier: violín e zanfona e Javier: acordeón diatónico) concorren nun proxecto cunha instrumentación ben interesante e un repertorio xenuíno en volta dos territorios limítrofes ou arraianos de Galiza.

Músicos, estes que tocaron e tocan con Marful, Talabarte, Davide Salvado, Zumaque, Comando Curuxás, Xabier Díaz, Xascariz…, e que obteñen das súas raíces e diásporas un sentimento compartido “o que a muitxs lles parece lonxe e distante, para nós nunca deixou de estar cerca”. Úneos un forte magnetismo con esas identidades culturais e reivindícanas musicalmente como parte do seu maxín. A Raia Seca son músicas que nacen do chan cando este resoa co bailar. Son melodías vivas que seguen a ter instinto propio. Son ritmos xa feitos ritual, telúricos, abocados ao transe.
Para asistir ao concerto na Casa-Museo Manuel María (en Outeiro de Rei) é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete: 5 euros.