Santiago de Compostela acolle unha nova xuntanza da rede ILENIA
A iniciativa estatal creada para impulsar as linguas cooficiais no ámbito da intelixencia artifical, da que forma parte o Proxecto Nós, celebrou esta semana na Cidade da Cultura un encontro técnico para abordar os casos de uso que se están a desenvolver nas universidades e centros de investigación implicados
ILENIA, a iniciativa posta en marcha polo Goberno de España coa intención de impulsar as linguas na intelixencia artificial, celebrou esta semana na Cidade da Cultura a primeira xuntanza técnica de traballo deste 2025 cos grupos que integran a rede, entre os que se atopa o Proxecto Nós.
O obxectivo principal do encontro, que tivo lugar os días 17 e 18 de febreiro e no que participaron máis de 30 profesionais, foi poñer en común o estado dos casos de uso -a meirande parte deles multilingües- que se están a desenvolver baixo o paraugas de ILENIA. Desta rede forman parte o Consorcio Barcelona Supercomputing Center Centro Nacional de Supercomputación (BSN-CNS), a Universidade de Alacante a través do Centro de Intelixencia Dixital (CENID), a Universidade do País Vasco a través do Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua (HiTZ) e a Universidade de Santiago de Compostela a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG). Por parte destas dúas entidades, asistiron, respectivamente, Senén Barro e Elisa Fernández.
Da xuntanza de coordinación entre os distintos centros de investigación despréndese a intención de que os casos de uso (tamén coñecidos coma demostradores) que se están a desenvolver poidan estar operativos este mesmo ano, coincidindo coa última anualidade do proxecto, financiado polo Ministerio de Transformación Dixital e polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea – Next Generation.
O vindeiro encontro presencial da rede ILENIA – que se celebran de xeito trimestral desde a posta en marcha do proxecto, mentres que os centros de investigación traballan de forma coordinada na distancia- celebrarase en maio en Alacante.
Proxecto Nós
O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego xunto coas linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.
En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre, algunhas das cales xa están á disposición e accesibles a través da web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.
O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da linguaxe: o ILG e o CiTIUS.