Fillas de Cassandra publica ‘Quebrantarse’, o 2º fascículo de ‘Hibernarse’


Fillas de Cassandra publica Quebrantarse, un chamado á recuperación da memoria colectiva e contra o tempo arrebatado pola guerra

O segundo avance do universo Hibernarse preséntase como un acto de resistencia. “Fronte á historia oficial, só fica a memoria”, recorda o dúo

Parte da melodía de Quebrantarse está inspirada no Romance do Comandante Moreno interpretado por Severina Murias e inclúe versos de García Lorca



Quebrantarse, o segundo fascículo do EP Hibernarse de Fillas de Cassandra, xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. A nova entrega do dúo vigués versa sobre o tempo fragmentado pola guerra. A intención de María SOA e de Sara Faro non é outra que recuperar a memoria colectiva fronte a unha liña temporal marcada pola historia oficial e poñer voz a unha ferida que segue aberta. 

Quebrantarse agroma da memoria persoal e familiar, mais tamén da colectiva e universal. Preséntase como unha conversa entre dous amigos que, caídos en bandos enfrontados durante a Guerra Civil, e sendo vítimas dun sistema que os condenou a unha violencia que non escolleron, se despiden ante a inminente morte dun deles ás mans do outro. “Cóntame o teu segredo / cóntamo, que eu xa mo sei”, canta Fillas de Cassandra sobre unha verdade que non precisa ser dita: os dous amigos saben o destino que os agarda, mais poñelo en palabras significa darlle forma ao horror.

Parte da melodía deste Quebrantarse inspírase no Romance do Comandante Moreno, segundo a versión que interpreta Severina Murias, unha elección que entronca coa idea que Fillas de Cassandra quere poñer en valor: o papel da muller na transmisión da tradición oral galega, onde a música foi un vehículo de resistencia e memoria colectiva. Ao fío, Sara Faro e María SOA incorporan a gaita (Adrián Méndez, De Ninghures) á instrumentación do tema para unilo, precisamente, coa zona da Fonsagrada (lugar onde teñen lugar os feitos que Severina relata).  

A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, acompáñase tamén do son do remexer da terra e muda o compás final, deixándoo en suspensión, como metáfora do apremio da morte. E no retrouso do tema, o dúo recupera versos de Yerma, de Federico García Lorca: “E sostén este corpo de terra / até o branco xemido da alba”. 

Desde xeito, e nesta segunda entrega de Hibernarse, Fillas de Cassandra aborda a fragmentación do tempo a través da perda da memoria colectiva. “Fronte ao tempo da historia oficial, só fica a memoria. A Guerra Civil e as súas feridas foron relegadas a un pasado edulcorado ou silenciado, convertendo os eventos en imaxes descontextualizadas que afastan as xeracións actuais da súa realidade”, explica o dúo vigués, que aposta por poñer voz a unha ferida que segue aberta. 


Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra

Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, semanalmente, desde o 20 de marzo ata xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír á man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo converte en reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora. 

Escoita Quebrantarse https://links.altafonte.com/quebrantarse

Fillas de Cassandra publica ‘Hibernarse’, unha chamada á pausa fronte ao desenfreo do capital

Fillas de Cassandra publica Hibernarse, unha chamada á pausa fronte ao desenfreo do capital, e no que o dúo reclama espazo para levar o seu propio compás e compoñer desde a súa verdade


O primeiro avance do seu EP multiformato evidencia tamén a evolución da identidade das artistas, tanto a nivel sonoro como discursivo

María SOA e Sara Faro reclaman neste tema tempo para a “confección dun novo traxe”, que exemplifican a través de novos rexistros para as súas voces ou na experimentación coas texturas




“Xa mo dicía mamá. Ti chega tarde que é mellor que non chegar”. Con esta clarificadora e reivindicativa sentenza comeza Hibernarse, o sinxelo que Fillas de Cassandra publica hoxe mesmo en todas as plataformas dixitais e que, á vez,  titula o novo proxecto multiformato do dúo conformado por María SOA e Sara Faro e cuxa parte musical producen, nesta ocasión, Greta Ch’aska e Mumbai Moon.

Hibernarse, o primeiro “fascículo” do universo homónimo, é un chamado á pausa fronte á velocidade imposta polo “frenesí da industria e do fast-todo do capital”, o que vén sendo a esixencia de facer, con urxencia, todo dun xeito rápido. “Rápido e mal feito, dúas veces mal”, canta Fillas de Cassandra nesta peza, a primeira das catro que as artistas darán a coñecer desde hoxe e, semanalmente, até o 10 de abril. 

Fronte ao ritmo desenfreado e á velocidade dos acontecementos vividos ao longo destes dous últimos anos (cando publicaron Acrópole), Sara Faro e María SOA avogan porque cadaquén poida tomar o tempo necesario para levar o seu propio compás e construír algo auténtico e duradeiro desde a súa verdade, como queren facer elas mesmas. É, ao cabo, o punto de partida do sinxelo: ás veces chegar tarde é mellor que non chegar.

Na construción desta reivindicación do dereito á espera, de que unha sexa tardeira para atopar o seu propio ritmo, Fillas de Cassandra emprega versos que evocan a sabedoría popular (ese “ti chega tarde que é mellor que non chegar”) ou a incerteza da elección (“como elixir entre a savia e o veleno se ainda non coñecemos a forma de todas as voces que teremos?”), coa intención de poñer sobre a mesa que os procesos de exploración son lentos e complexos e que supoñen que, para avanzar un paso, ás veces cómpre desandar outros catro.

É así como elas tamén cantan no retrouso ao “billete dourado”, unha figura que pode suxerir o porvir soñado, unha promesa de futuro que aínda está por chegar; mais que xa está presente no pensamento e na vontade das artistas. Así, neste Hibernarse, Fillas de Cassandra evidencia a evolución da súa identidade, unha transformación que manifesta no desexo “de mudar a voz e a pelaxe” coa finalidade de “achar as medidas para un novo traxe”, unha metáfora do proceso de busca de novas formas sonoras, musicais e discursivas sobre as que María SOA e Sara Faro xa están a traballar. 

Neste Hibernarse, o público poderá escoitar novos rexistros das súas voces (evidenciado no retrouso do tema) e os xogos que estabelecen consonoridades e texturas; mais todo sen abandonar as súas sobranceiras harmonías vocais, os instrumentos orgánicos e a electrónica intensa que caracteriza ao dúo.


Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra

Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dará a coñecer, desde hoxe e, cada sete días, ata o xoves 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través deste proxecto, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para se observaren desde ángulos non explorados até o de agora. 

Escoita Hibernarse https://links.altafonte.com/hibernarse-single

Fillas de Cassandra inicia a creación dun novo traxe con ‘Hibernarse’, un EP multiformato que verá a luz por fascículos a partir do 20 de marzo

O dúo reflexiona sobre o concepto do tempo e a súa construción social a través dun proxecto híbrido e singular, nun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais

O primeiro avance, que dá nome ao traballo discográfico, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do xoves 20

María SOA e Sara Faro convidan ao público a tecer con elas, semanalmente, os retallos que conforman o universo Hibernarse, que se desvelará por completo o 10 de abril e cuxo formato físico se poderá reservar na páxina web de Altafonte

Fillas de Cassandra presenta esta primaveraHibernarse, un proxecto híbrido, multiformato e singular no que o dúo reflexiona sobre o concepto de tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo deste universo componse dun EP cuxa primeira entrega se poderá escoitar o vindeiro xoves 20 de marzo, a partir das 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, o dúo pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través desta proposta, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para observarse desde ángulos non explorados até o de agora. 

O xoves 20 de marzo o dúo lanzará o sinxelo Hibernarse. Será a primeira entrega dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

20250312-NP-GAL-Anuncio-Hibernarse