Sabela presenta a súa xira por salas galegas baixo o nome de “Hi, My Love Part”

A artista de Ourol percorrerá Galicia a finais deste ano e comezos do 2025 cunha xira que xa conquistou algunha das grandes cidades de España

As entradas para estes concertos e os xa anunciados deste verán no Festival do Pasatempo e Festival SonRías Baixas están xa á venda en sabelamusic.es e enterticket.es

A gran xira de Sabela tocará terras galegas a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un percorrido por 10 salas e 2 festivais nos que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas terá comezo na sala Ruído (Ferrol, 28 de setembro), e pasará pola sala Masterclub (Vigo, 12 de outubro), a sala Riquela (Santiago de Compostela, 25 de outubro), a sala Clavicémbalo (Lugo, 26 de outubro), o Pub Gatos (Melide, 9 de novembro), a sala Auriense (Ourense, 30 de novembro), a sala A Arca da Noe (Vilar de Santos, 1 de decembro), a sala A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro, 1 de febreiro de 2025) e a sala Garufa Club (A Coruña, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa anunciados do Festival do Pasatempo (Betanzos, 6 de xullo), do Náutico de San Vicente (O Grove, 20 de xullo) e do festival SonRías Baixas (Bueu, 1 de agosto). As entradas xa están dispoñibles na súa páxina web, sabelamusic.es, e en enterticket.es.

XIRA “HI, MY LOVE PART”

06/07  · Festival do pasatempo · Betanzos

20/07 · Náutico de San Vicente · O Grove

01/08 · SonRías Baixas · Bueu

28/09 · Sala Ruído · Ferrol

12/10 · Masterclub · Vigo

25/10 · Riquela · Santiago de Compostela

26/10 · Clavicémbalo · Lugo

09/11 · Pub Gatos · Melide

30/11 · Auriense · Ourense

01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos

01/02 · A Pousada Da Galiza Imaxinaria · Boiro

08/02 · Garufa Club · A Coruña

ENTRADAS

A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Jaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas hoxe, o tour de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.

Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar o seu xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do tour, a finais deste ano 2024.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o propio O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país. Ademais, tamén fará oco para levar o seu directo a festivais como os xa anunciados SonRías Baixas e Festival do Pasatempo durante o verán, ao que se lle sumarán máis datas que irá anunciando proximamente. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio deste mesmo ano, é xa o seu primeiro sinxelo. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quiero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas nas súas cancións. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público nos seus directos e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse tamén con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.