Richi Casás presentará “FULIADA NA VILA. O Cantar de Rosa e Adolfina” este sábado na Casa-Museo María María

RICHI CASÁS ESTARÁ ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PARA FALAR DO CANTAR DE ROSA E ADOLFINA, A SÚA AVOA E MADRIÑA, CANTAREIRAS EN QUE SE PERSONIFICA, ENTRE OUTRAS, O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DE 2025

O músico e estudoso da música tradicional interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina

Richi Casás, músico, profesor, estudoso da música tradicional e saxofonista da Banda Xangai, estará este sábado, día 25 de xaneiro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) para falar do cantar de Rosa e Adolfina, a súa avoa e madriña respectivas, cantareiras en que se personifica, entre outras, o Día das Letras Galegas de 2025, dedicado este ano á poesía popular oral.

Richi interpretará algunhas das pezas cantadas por Rosa e Adolfina, e que recolle no libro-cd Fuliada na vila (2020), editado por aCentral Folque. Quen quixer, pode traer a súa pandeireta este sábado, para o acompañar nestas composicións.

Rosa e Adolfina foron dúas labregas do concello de Cerceda (A Coruña), que naceron e viviron na Vila da Igrexa. Tiveron sona na contorna por ser boas cantadoras e pandereteira. As súas letras e melodías foron recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth.

A actividade deste sábado, que conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é de acceso libre até encher o aforo, mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.