O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas na pasada edición
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición
A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento. Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.
Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente. O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela La leyenda del beso, do pontearerán Reveriano Soutullo, e que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea- participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 na páxina web da promotora, www.sinsalaudio.es.
Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.
20241203-Sesions-San-Simon-