Fermin Muguruza actuará en Galicia en marzo de 2025

Fermin Muguruza actuará en Galicia en marzo de 2025, no marco dunha xira mundial para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical

As entradas para o concerto, que terá lugar en Santiago de Compostela o 15 de marzo, sairán á venda o 25 de xuño ás 9.00 horas no espazo web www.muguruzafm.eus 

O artista vasco fará unha revisión do seu percorrido sobre os escenarios no marco do 40º aniversario da formación da súa primeira banda, Kortatu, que hoxe 20 de xuño, hai 40 anos, publicaba a súa primeira maqueta

Fermin Muguruza actuará en Santiago de Compostela o 15 de marzo de 2025, no marco dunha xira mundial na que celebrará as súas catro décadas de traxectoria musical. Será a única parada que o artista vasco, fundador de Kortatu e Negu Gorriak, faga no noroeste peninsular no marco do seu novo tour -o primeiro tras 11 anos sen realizar xiras internacionais- e as entradas para esta cita, que terá lugar no Fontes do Sar, sairán á venda o vindeiro martes, 25 de xuño, ás 09.00 horas a través do espazo web www.muguruzafm.eus 

Despois de romper todas as previsións ao vender 16.000 entradas tan só nuns minutos para os dous concertos que ofrecerá en Bilbao no mes de decembro, Fermin Muguruza comprometeuse a buscar novas propostas para o vindeiro ano. Hoxe mesmo, cando se cumpren 40 anos do lanzamento da primeira maqueta de Kortatu, o artista vén de anunciar para o 2025 unha gran xira internacional para celebrar o seu 40º aniversario desde a formación da súa primeira banda, Kortatu, e na que tamén revisará temas de Negu Gorriak e dos seus traballos máis recentes en solitario. 

O tour, que chegará a distintas cidades de Europa, América e Asia, terá catro paradas na Península Ibérica, mais a cita compostelá será a única actuación de Muguruza en Galicia. Así, o vasco achegarase o ano que vén a Barcelona (24 de xaneiro, Palau Sant Jordi), Madrid (15 de febreiro, WiZink Center) e Donostia (14 de xuño, Estadio Reale Arena – Anoeta). 

As entradas para o concerto que Fermin Muguruza ofrecerá no Multiusos Fontes do Sar poñeranse á venda o vindeiro martes, 25 de xuño, ás 9.00 horas a través do web www.muguruzafm.eus. Ese mesmo día activaranse tamén as entradas para Madrid e Barcelona, mentres que os billetes para o directo de Donostia, no estadio de fútbol Anoeta, poderanse adquirir a partir das 9.00 horas do domingo 23 de xuño no mesmo espazo web. 

Unha vez coñecida a xira internacional de Muguruza para celebrar o seu 40 aniversario sobre os escenarios, a actriz Itziar Ituño (La casa de papel) quixo poñer en valor o seu legado: “Grazas, Fermín! Pola túa prolífica carreira, por axitar e espertar as nosas conciencias, por facernos bailar, por ser parte da banda sonora da vida dalgunhas de nós. Tan orgulloso coma humilde, tan cariñoso coma firme, es historia de Euskal Herria, o presente, o futuro. Enfrontácheste a todas as galernas cunha mirada severa, con esa risa tan ampla. León, apache, mapuche, auténtico pioneiro vasco! É unha honra camiñar ao teu lado. Un bico. Itzi”.


Censura contra a cultura disidente

Este 40 aniversario chega nun momento especial para Fermín Muguruza. Fronte aos ataques lanzados contra el nos últimos tempos, o músico e realizador de cinema advertiu nas súas redes sociais que respondería con máis cultura, reivindicando a súa traxectoria e legado. Así, o artista destaca que estes eventos serán “algo máis que un simple concerto, xa que servirán para utilizar a música como ferramenta de expresión e cambio social”. Nos directos, o público poderá gozar de diferentes cancións que se converteron en iconas da música vasca e internacional.

Co obxectivo de presentar a devandita xira, Muguruza rodeouse de grandes amigos nun vídeo no que participan, entre outros, intérpretes como Itziar Ituño, Maria Cruickshank, Aitziber Garmendia ou Jon Plazaola, ademais de músicos como HOFE e xente do sector musical. 

Muguruza expresa o seu desexo de que “estes concertos se convertan nunha celebración contra a censura e os recentes ataques da extrema dereita a nivel global e particular”. Nese sentido, menciona casos como o da directora e cinco profesores dun instituto en Valencia que foron demandados por pintar un mural en homenaxe á súa traxectoria creativa, así como os ataques a Itziar Ituño e aos xogadores do Athletic por cantar a mítica canción Sarri, Sarri.


Unha das figuras de maior influencia e carisma do panorama musical vasco


O artista irundarra lembra que “será unha honra e un privilexio poder celebrar este percorrido de 40 anos sobre un escenario, sabéndome pertencente a unha xeración moi golpeada. Espero que estes concertos sexan especiais para todos, a través da música, o baile e a reivindicación, un exercicio de memoria colectiva, unha celebración da vida e rexeitamento ao fascismo, unha cerimonia dos abrazos”. 

Muguruza foi definido como unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto ao seu irmán Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.

Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.

Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o recente filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.

Xira mundial de Fermin Muguruza

2024
20 de decembro: Bilbao – Miribilla (Sold out)

21 de decembro: Bilbao – Miribilla (Sold out)

2025

18 de xaneiro: Tenerife – EC Aguere

24 de xaneiro: Barcelona – Palau Sant Jordi

15 de febreiro: Madrid – WiZink Center

15 de marzo: Santiago de Compostela – Fontes do Sar

21 de marzo: Paris – La Cigale

22 de marzo: Bordeaux – Salle du Grand Parc

28 de marzo: Toulouse – Le Bikini

29 de marzo: Marseille – Espace Julien

12 de abril: Zurich – Rote Fabrik

16 de abril: Berlin – SO36

20 de maio: Santiago de Chile – Teatro Cariola

24 de maio: Buenos Aires – Estadio Obras

28 de maio: Bogotá – Calle 13

31 de maio: México – Skatex (Texcoco)

07 de xuño: Roma – TBC

14 de xuño: Donostia – Anoeta Estadioa (Reale Arena)

23 de xullo: Tokio – Radical Music Network

4 de outubro: Último concerto 

DOSSIER

FM_Orokorra_DossierGAL