De Ninghures publicará este venres 7 ‘En fin, que máis dá’, o último avance de ‘Feira’
- O novo sinxelo, que estará dispoñible desde as 00.00h do día 7 nas principais plataformas dixitais, é un tema producido por Juan de Dios Martín que conta coa participación de Xoel López como guitarrista
- ‘En fin, que máis dá’ é unha sorte de canto á vida e á amizade, “unha viaxe para gozar” e que se inspira no Tishoumaren (Desert Blues) e no pobo Tuareg
- O grupo vendeu en menos dunha semana máis do 50% das entradas dispoñibles para o concerto de presentación de ‘Feira’ na Sala Capitol, que terá lugar o 13 de marzo
“Unha viaxe para cantar e gozar”. Así define De Ninghures o seu novo tema, En fin, que máis dá, peza que se estreará este venres 7 de febreiro ás 00.00h nas principais plataformas dixitais e que supón o cuarto e último avance de Feira, o LP que o grupo dará a coñecer ao vivo nun concerto moi especial, ateigado de artistas convidadas, o 13 de marzo na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
En fin, que máis dá, producido por Juan de Dios Martín e que conta co artista coruñés Xoel López nas guitarras, é un canto á amizade e á vida que se inspira tanto no Tishoumaren (tamén coñecido como Desert Blues) e no pobo nómada Tuareg como nunha muiñeira de Florencio López. Así, desta quenda, e nunha nova volta ao concepto da revisión da tradición desde a contemporaneidade, o grupo captura nunha peza o espírito do compañeirismo, a imaxe das estradas e dos camiños interminables, ou mesmo maxia do instante. Ideas que, dalgún xeito, tamén se incorporarán á creación audiovisual dirixida por Lorenzo Negueruela e que o público poderá ver o mesmo venres 7 na canle de Youtube do grupo.
De Ninghures propón un tema que, entre a ledicia e a melancolía, fía unha ruta na que as voces se mesturan entre harmonías envolventes. A música flúe para xerar unha atmósfera cálida e poderosa; mentres que as guitarras, tanto as gravadas por Xoel López como pola banda, dialogan coa esencia da percusión tradicional galega, o clarinete, o violín e a gaita. E deste xeito cunha lírica asinada pola formación, En fin, que máis dá ergue enerxicamente o espírito e os coros, cheos de forza e complicidade, convidan a cantar en comuñón.
En fin, que máis dá é o cuarto e derradeiro avance de Feira, o novo traballo discográfico da formación e que o publico poderá descubrir -á vez que saca puntos raros- ao vivo na Sala Capitol o 13 de marzo. Alí, canda numerosas artistas convidadas, a formación dará a coñecer os temas dunha Feira que, ademais de nomear o traballo, impregna todo o universo simbólico do álbum e dos directos. Desde que se activou a venda de entradas o pasado xoves 30 de xaneiro, en menos dunha semana o grupo vendeu máis do 50% dos billetes dispoñibles (15 euros máis gastos de xestión) a través de www.salacapitol.com.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, no primeiro trimestre deste 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado, A BurriñaeO Último Baile.
20250205-NP-De-Ninghures-En-fin-que-mais-da