Dios Ke Te Crew regresa o 13 de decembro con ‘Déjà Vu’


A nova creación da banda de hip hop máis emblemática do país marca o inicio dunha etapa na que DKTC ampliará o seu repertorio e percorrerá numerosos escenarios durante os vindeiros meses

O novo tema, que estará dispoñible nas principais plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip dirixido por Xaime Miranda

Dios Ke Te Crew publicará o vindeiro venres 13 de decembro o seu novo sinxelo, Déjà Vu. Trátase do primeiro tema que a formación lanza tras o EP En que ano estamos? (2022), que contén o himno O.G., e o álbum recompilatorio Tremendos Anos 20 (2023), o disco-fanzine publicado fai agora un ano co gallo da celebración das dúas décadas de traxectoria de DKTC.

O lanzamento de Déjà Vu marca o despegue da banda nunha nova etapa, na que a mítica formación de Ordes, conformada por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock, regresa ao estudio para ampliar o seu repertorio e ofrecer, de cara ao 2025, unha intensa e potente xira na que percorrerán ducias de escenarios.

Déjà Vu  poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13. O sinxelo, que se publicará co selo Raso Estudio e distribuirá a compañía Altafonte, acompañarase dun videoclip. A peza audiovisual contará coa sinatura do realizador Xaime Miranda, quen traballa habitualmente coa formación. Desta quenda presentará un video de estética cinematográfica cunha atmósfera enigmática e atrapante, ateigado de elementos con forte carga simbólica, e que se poderá ver, tamén a partir do venres 13, na canle oficial de DKTC.



DKTC

Dios Ke Te Crew é a banda máis emblemática do hip hop galego. Desde a súa formación no 2003, o grupo conformado por Mou, Sokram, Jamas e Dj Murdock destaca polo seu enxeño, habilidade narrativa e humor próximo á actualidade. Numerosos LP, EP e himnos para distintas xeracións dan boa conta da pegada de DKTC no rap do país. 

A banda festexou as súas dúas décadas de traxectoria co lanzamento de Tremendos Anos 20, unha obra multidisciplinar en formato disco-fanzine, no que participaron máis de 40 recoñecidos artistas gráficas e musicais. No 2025, DKTC ofrecerá unha intensa xira de directos na que dará a coñecer novo repertorio e revisará os seus grandes éxitos, que se acompañarán dunha potente posta en escena creada por A.L. Crego, quen tamén asina a portada do sinxelo Déjà Vu

20241203-DKTC-Deja-Vu