resaca emocional publica ‘de amor’, un álbum con himnos que gardar no corazón
Este 14 de febreiro chega o primeiro disco do colectivo sonoro e visual, un traballo conformado por dez creacións que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas
o álbum debut do colectivo creativo multidisciplinar resaca emocional, xa está dispoñible nas plataformas dixitais. Dez temas ‘cuquis’, ateigados de son pop, naive e sensíbel con picos de baile nos que resaca emocional, cuxa banda musical conforman Ash Diz, Berto, Brais Iriarte e Lorena Cachito, explora sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.
resaca emocional aborda en de amor, desde a vulnerabilidade e a intimidade, o querer, os afectos e os coidados. Faino desde un espazo atravesado polas diversidades no que se representan os diferentes tipos de amor desde unha ollada naif, linda e cálida, sempre apoiado por unha sonoridade pop envolvente e característica, unha produción meticulosa e todo un universo audiovisual que acompaña o seu relato. Ao cabo, o disco é unha pata máis do propio proxecto: resaca emocional é un colectivo que se constrúe desde os coidados, poñendo en valor o traballo, inquedanzas e inspiracións de cada integrante ao traballar de forma colaborativa na creación de pezas musicais, audiovisuais e de deseño gráfico. É xogo, creatividade sen fronteiras e búsqueda deliberada de inocencia. RSK achega as súas ansias de amosar o máis puro que nos poida ofrecer, de non poñerse límites e de entenderse coma unha exploración continúa. Un discurso que o colectivo presenta en forma de dez himnos bailables que gardar no corazón.
Así, de amor (editado polo selo Tremendo Audiovisual e distribuído por Altafonte) parte do nacemento dunha relación afectiva, como é o caso do de sae o sol -o tema de apertura do disco-; e avanza con luminosidade pola intensidade inicial con a fin do mundo ou ondas sonoras de xúpiter (24/7) -peza na que colabora Juana-, mentres que con mario crush explora a expresión do namoramento desde o punto de vista máis lúdico; para dar paso a xogar contigo, cupido, a frecha ou bolboretas, que reflicte a tensión entre o desexo contido e a catarse; ata incluso abordar o medo, as inquedanzas ou a perda, como é o caso de trapecista emocional e o único medo que teño, temas que pechan do álbum. Dez cancións de pop electrónico -acompañadas doutras tantas pezas visuais de Zeltia Iglesias- que, desde a vulnerabilidade e a intimidade, afondan con honestidade no universo emocional dunha xeración nova con todo por explorar.
Lista de cancións de de amor
- sae o sol
- a fin do mundo
- ondas sonoras de xúpiter (24/7) -con Juana-
- mario crush
- xogar contigo
- cupido
- a frecha
- bolboretas
- trapecista emocional
- o único medo que teño
Escoita de amor en https://links.altafonte.com/deamor-resacaemocional


Que é resaca emocional?
resaca emocional (RSK no seu nome curto) non é un grupo ao uso: é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais no que a comunidade é a clave dun proxecto atravesado polas diversidades. Todes suman e forman parte dun espazo seguro que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde.
- Ash Diz: composición, voz, percusión tradicional, teclado, vídeo.
- Berto Mira: composición, voz, guitarra, produción musical.
- Brais Iriarte: baixo, guitarra, voces en directo.
- Diana Montserrat: danza.
- Gala Rodriguez: escenografía, vídeo, foto.
- Lorena Cachito: percusión, voces en directo.
- Noelia Mato: danza.
- Rocio Campoy: debuxo, maquillaxe.
- Zeltia Iglesias: deseño do logo, cartelería e tipografía.
Escoita ‘de amor’: dispoñible desde o 14.02.25
resaca emocional ao vivo: vídeo desde La Luthería