O arxentino Federico Beilinson gaña o III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli
O arxentino Federico Beilinson gaña, coa obra ‘Cuatro historias gallegas’ o Premio de Composición Portus Apostoli
O uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia, recibe a mención de honra pola creación ‘Folías Celtas’
A terceira edición do certame, organizado polo Noia Harp Fest coa colaboración do Concello de Noia, recibiu unha ducia de propostas chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia
O III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, impulsado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia e o Concello de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra da man do NHF.
O Premio Portus Apostoli é un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu 11 propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. O tribunal, conformado pola directora de orquestra Isabel Rubio, a catedrática de arpa do Real Conservatorio Superior de Madrid Susana Cermeño, o compositor Fernando Buide e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra Cuatro historias gallegas “pola súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” do seu autor.
Federico Beilinson (Arxentina, 1981) é un compositor, guitarrista e docente arxentino con amplo coñecemento da música folclórica arxentina, recoñecido tanto polo seu papel de divulgador (con textos editados pola Biblioteca Nacional do seu país) como pola edición de numerosos discos. Na actualidade é mestre da Escola de Música Popular de Avellaneda. Segundo Beilinson, a obra Cuatro historias gallegas propón “unha viaxe, tanto a través do carácter sonoro como da súa estrutura rítmica” e ten dous eixes fundamentais: aspectos que, para o autor, “sempre lle gustaron da cultura galega, como as historias fantásticas e a súa riqueza musical, cun importante arraigamento nas melodías directas e sintéticas e nos xogos rítmicos e percusivos”.
Beilison tamén destaca o papel da arpa “e do amplo abano de posibilidades que esta ofrece”. Así, tentou xerar en Cuatro historias gallegas “un diálogo dinámico entre a arpa e a orquestra, tanto como bloque ou como instrumentos individuais de carácter intimista”.
Mención de honra
Nesta ocasión, ademais, o xurado decidiu destacar coa mención de honra a obra Folías Celtas, que resultou ser unha creación do compositor e violinista uruguaio Gabriel Bussi, membro da Orquestra Sinfónica de Galicia. O tribunal do Portus Apostoli destacou “a escritura moi profesional e a boa técnica instrumental da arpa e das cordas”.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é o único evento no noroeste peninsular dedicado a este instrumento e celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Dirixido por Rodrigo Romaní, Beatriz Martínez e Alba Barreiro, -e que conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña-, é unha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes.
O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.
20250215-GAL-Premio-Portus-Apostoli