‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez, gaña o Premio do Público do FIOT33

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo das súas 56 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas, cunha porcentaxe de ocupación da sala dun 93,3%

O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados

Casting Lear, de Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de la Abadía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5, a moi curta distancia de IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo a segunda posición

Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibe o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., é galardoada co premio á mellor interpretación do certame polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5



O espectáculo Casting Lear, de Andrea Jiménez, alzouse co Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, na súa 33ª edición. A obra, producida por Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de La Abadía, foi a peza mellor valorada polos espectadores neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5 (unha das notas máis altas do Premio do Público na historia do FIOT). A moi curta distancia quedou IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo o segundo lugar, cunha puntuación de 4,81 sobre 5. A porcentaxe de ocupación de sala foi dun 93,3%.

Este #FIOT33 botou o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo de cinco semanas de programación, con 37 espectáculos, 56 funcións e máis de 20 actividades de mediación e promoción das artes escénicas, das que se celebraron un total de 200 sesións. O Programa de Sala acadou unha puntuación global de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media das diferentes liñas de programación do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados. Cabe destacar a grande acollida non só do Programa de Sala, senón tamén de outras liñas de programación como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións.

Pola súa banda, Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada, tamén, polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.

Neste FIOT33, cabe destacar a alta participación e a conexión do público en todas as propostas do festival, xa fosen espectáculos, encontros e todo tipo de actividades. Pode constatarse o interese da audiencia do FIOT polas propostas máis contemporáneas e arriscadas. Este 2024, o FIOT consolidouse como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo.

Un ano máis, a Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, quere transmitir a todos os públicos un sentido agradecemento polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos: “aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respeto a un proxecto ambicioso, riguroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustenatamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.

SOBRE ‘CASTING LEAR’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO FIOT33

Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.

Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.

En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- foi unha sorpresa para o público que a que acudiu ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu á peza nunha das revelacións da temporada en España. 

En Carballo, Lear foi interpretado polo queridísimo Quico Cadaval, fito que provocou unha máxica conexión co público e converteu a este espectáculo contemporáneo e experimental de gran calado no éxito indiscutible do Programa de Sala, cun entusiasta patio de butacas que rompeo en aplausos e alzouse en pé en bloque nada máis rematar a función. A súa creadora, Andrea Jiménez, é un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reuniu de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participaron no FIOT. 

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegou ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre. 

Deste xeito, o FIOT regresou durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentrou 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilaron por Carballo propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltaron á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentaron a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacaron nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. 

Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) conforman ano tras ano a identidade do FIOT. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival conta con diferentes liñas de programación e, así, ademais do Programa de Sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. No FIOT hai narración oral na Rúa dos Contos; teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 

Fiel á súa vontade de ser “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións ou o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. Na web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar toda a información.


MÁIS INFORMACIÓN https://fiot.gal