Fillas de Cassandra levará a súa xira ‘Últimas Dionisíacas’ a Marrocos
Sara Faro e María SOA actuarán, da man do Instituto Cervantes e AIE, en Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech do 24 ao 29 de xuño
O dúo tamén forma parte do cartel do Poborina Folk, en Teruel, onde estará o 21 de xuño, mentres que o día 22 participará no VESU Festival de Oviedo
Fillas de Cassandra levará a súa xira Últimas Dionisíacas a Marrocos este mes de xuño. O dúo conformado polas viguesas María SOA e Sara Faro visitará, do 24 ao 29 de xuño, as localidades de Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech da man do Instituto Cervantes, a través do seu programa musical Cervantes en ruta, e da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes) por medio da iniciativa AIEEnRuta – Artistas.
Tras estrear o pasado 16 de febreiro en Vigo o seu novo directo, no que Fillas de Cassandra revisa desde unha electrónica máis potente e escura o seu álbum Acrópole, e visitar desde entón numerosos recintos, salas e festivais de todo o territorio peninsular, as creadoras de éxitos como Lisístrata (Varre vasoira) ou Tataravoa visitarán por vez Marrocos. Antes, o venres 21, serán cabeza de cartel no festival Poborina Folk, na provincia de Teruel, e ao día seguinte, o sábado 22, compartirán escenario con figuras como Xoel López ou Carlos Ares no VESU Festival ovetense.
Así, o día de San Xoán (24 de xuño), Sara Faro e María SOA, acompañadas de Marina Vidal e Tania Caamaño -xuntas, as catro, conforman a banda destas Últimas Dionisíacas-, iniciarán a xira en Tánxer, onde actuarán no exterior do Colexio Español Ramón y Cajal. O martes 25 visitarán Tetuán, concretamente o campo de fútbol de La Corniche (Martil) e, dous días despois, trasladaranse a Fez para levar o seu directo até o Colexio Francés Jean de la Fontaine. Xa o día 28, o patio do Instituto Cervantes de Casablanca acollerá a proposta musical galega e, finalmente, o 29 de xuño pecharase a xira en Marrakech, cun concerto na Escola Superior de Artes Visuais.
Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas
- 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
- 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
- 24 ao 29 de xuño. Marrocos. Varias localidades.
- 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest.
- 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
- 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
- 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
- 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina.
- 23 ao 25 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
- 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
- 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas.