Andanzas do Suso de Lameliña. AS TRANSPANTASMAS
AS TRANSPANTASMAS
Ata hai pouco, apenas se tiñan coñecementos sobre a vida e os costumes das pantasmas. Pensábase que eran ánimas de defuntos que vagaban pola terra penando polas súas culpas. Certamente, son ánimas, e vagan polo mundo adiante, pero non redimíndose. As pantasmas son simplemente as ánimas de todos os defuntos que habitan un mundo paralelo ao noso, formado por miles de millóns de individuos.
Co avance da ciencia, cada vez sabemos máis sobre estes misteriosos seres. Recentemente, científicos da Universidade de Santiago de Compostela (xa se sabe, en Galicia é onde haimáis expertos na materia) estudando o fenómeno da Santa Compaña, descubriron casualmente a existencia dunha especie peculiar de pantasmas: as transpantasmas.
Os mesmos científicos xa descubriran anteriormente que o sistema de goberno polo que se rexen estes espectros é unha monarquía electa. Cada cen anos unha nova raíña, cun poder case absoluto, é elexida por sufraxio universal entre todas as ánimas.
As transpantasmas son pantasmas con todas as características dun humano: comen, beben, cagan, dormen… , pero só teñen unha existencia de trescentos sesenta días. Cada ese tempo, a raíña concede a un número determinado de ánimas a posibilidade de volver a vivir como humanos durante case un ano, cunha excepción: cando se dea o caso, pouco probable, de atoparse cun coñecido, volveranse invisibles para el.
Polo demais, fan vida normal; mesmo poden enfermar e ata morrer. Grazas precisamente a que enferman, sóubose que certos pacientes presentaban no peito esquerdo, á altura do corazón, unha mancha vermella, semellante a un alacrán. Durante moitos anos, mantívose en segredo e foi estudada por prestixiosos doutores que nunca chegaron a unha conclusión
clara. Mesmo sospeitaron que puidera tratarse de extraterrestres.
Tivo que ser o equipo da Universidade de Santiago, dirixido pola doutora Avelina Ferreiro Candal, quen descubrira que esa mancha era o distintivo dun tipo de pantasmas, as transpantasmas. A partir de aí, viñeron máis coñecementos, como o da invisibilidade en caso de cruzarse cun coñecido.
É, polo tanto, moi probable, segundo declarou a noite do xoves pasado a doutora Avelina Ferreiro no programa de TV, “Misterios da outra beira”, que xa volvan estar entre nós, ou volvan aparecer en calquera momento, personaxes como Dante ou Picasso, así como outros máis preocupantes, casos de Franco ou o mesmo Führer. Agardemos que, grazas ao labor deste equipo de investigadores, pronto teñamos máis datos e evidencias destes peculiares seres, que ata hai pouco nos eran totalmente descoñecidos.