Charla-exposición: “As máscaras de Entroido”, a cargo de Xosé Manuel Seixas, na Casa da Cultura de Begonte
O sábado 22 de febreiro a partir das 19 horas na Casa da Cultura de Begonte, a A. C. Castiñeiro Milenario, en colaboración co Concello de Begonte, organiza a charla-exposición As máscaras de Entroido, a cargo de Xosé Manuel Seixas, experto no mundo do Entroido e das súas máscaras.
Velaquí unha breve descrición do que será este acto nas propias palabras do autor:
“O conxunto de máscaras das que falarei son, maioritariamente, do Entroido, aínda que hai algunha do ciclo das mascaradas de inverno fóra do tempo do Entroido. Non son unha colección nin foron feitas para expoñer ou vender. Representan un estudo sobre o Entroido, a celebración máis importante e rica do ano, unha complexísima festividade ritual imposible de abarcar na súa totalidade e na que eu quixen traballar desde un dos seus numerosos aspectos: o da máscara. En total son 25 pezas de diferentes lugares, estéticas e materiais, na que as diferentes persoas que as realizan na actualidade con máis, menos ou ningunha variación das facían quen as precederon, amósannos como representan e ven as aldeas, pobos ou vilas, iso que está pasando en miles de lugares de Europa, e fóra de Europa ao mesmo tempo. É un mesmo cadro pintado de xeito diferente, a maxia de como unha pequena aldea é quen de engrandecer o puzzle da diversidade e da riqueza cultural da Humanidade durante os momentos de crise no ciclo do ano no que o ser humano precisa realizar os correspondentes rituais que aseguren que esa roda siga xirando para que volte a luz, a vida, a fertilidade da terra. E aí, a aldea máis afastada de Galicia cóllese da man das súas irmás, por moi lonxe que estean fisicamente, para vencer con rituais, traxes ou máscaras, tan similares e tan diferentes ao mesmo tempo, ao inverno, ao frío, á escuridade e espertar á Natureza. Este é o traballo de 26 anos visitando artesáns, para aprender a facelas máscaras, e intentar entendelas. Están feitas algunhas, nas súas casas, outras, no meu taller, tras traer comigo eses coñecementos transmitidos a eles/as e agora a min cunha xenerosidade emocionante. Xente, case nunca profesional, que traballa de xeito altruísta para que esas máscaras sigan presentes no ritual. Noutros casos son técnicas aprendidas de artesáns, que inda que non teñan vinculación directa co Entroido, aprendéronme a traballar nas técnicas que precisaba. Resumindo, o que aquí hoxe imos ver é o que aprendín de moita, moitísima xente boa e xenerosa coa que gocei moito escoitando as súas historias e á que lle debo todo o que sei do suceso máis marabilloso do mundo. O Entroido.“