O Salón Teatro do CDG de Santiago de Compostela acolle este sábado a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Ana Cotoré
No marco da oitava edición das Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora, bailarina, intérprete e pedagoga está a traballar en Compostela desde o pasado 15 de xullo no seu proxecto ‘No necesito un nombre para ser mascota’, coa saúde mental como foco de atención
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística, Ana Cotoré ofrecerá este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, con entrada libre, unha mostra aberta do seu traballo en proceso no Salón Teatro do Centro Dramático Galego
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 15 de xullo, a artista Ana Cotoré iniciaba a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en torno á proposta da creadora que ten por título No necesito un nombre para ser mascota, unha investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza, que parte dunha experiencia autobiográfica para poñer o foco de atención na problemática da saúde mental.
Agora, este sábado, 3 de agosto, ás 20.00h, Ana Cotoré ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego de Santiago de Compostela, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
SOBRE O PROXECTO
No necesito un nombre para ser mascota é un proxecto no que Ana Cotoré aborda os conceptos de domesticación e cansazo dentro do sistema capitalista, en xeral, e do sistema da arte, en particular, coa saúde mental como foco de atención. Esta investigación atravesada polo corpo, o texto e a danza vén acompañada do iluminador Victor Longás e conta coa mirada externa de Álvaro Murillo.
No necesito un nombre para ser mascota parte dunha experiencia autobiográfica para desenvolver unha proposta escénica na que conectar con todo aquilo que nos fai reestruturarnos cando algo externo irrompe e provócanos un derrubamento vital.
SOBRE A ARTISTA
Ana Cotoré é bailarina, intérprete, creadora e pedagoga nada en Zaragoza. É licenciada en Psicología e graduada en Educación Social, disciplinas que influíron profundamente na súa investigación do movemento e na súa traxectoria artística.
Como bailarina, actriz e intérprete, actualmente traballa en Madrid con Marina Otero na obra Kill Me, e participou no elenco da Compañía Matarile Teatro nas obras Daimon y la jodida lógica e en Inloca. Desde 2017 traballa coa Compagnia Movimento Danza de Gabriella Stazio (Nápoles, Italia). Participou, tamén, en diferentes proxectos de danza-teatro, un deles coa compañía Connecting Fingers Company. Cotoré adoita colaborar na creación e supervisión coreográfica para traballos doutros profesionais das artes escénicas e recentemente traballou como coreógrafa e na película documental When I Dance (Berlín, Alemaña).
Como autora e creadora das súas propias pezas participou en diferentes festivais en España e no estranxeiro coas pezas Réquiem por un cuerpo I, Réquiem por un cuerpo II, Takotsubo e Stage Diving, entre outras, tanto en salas como en espazos non convencionais.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
MÁIS INFORMACIÓN:
2024.08.02.-NP-Mostra-Residencia-Paraiso-Ana-Cotore