Andanzas do Suso de Lameliña. A ARTE DE DON TINÍN: UNHA VIDA ENTRE LIBROS E ESCULTURAS


Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A ARTE DE DON TINÍN: UNHA VIDA ENTRE LIBROS E ESCULTURAS

Constantino Varela, coñecido entre a veciñanza por Don Tinín, foi o único descendente da familia Teixeiro e con el remataría unha saga familiar das de máis nobre prosapia da contorna. A súa nai, Dona Modesta, muller de profundas crenzas relixiosas, sempre á cabeza de calquera iniciativa a prol dunha causa xusta. O seu pai, Don Pedro, andaluz de Linares, que nos anos corenta chegara destinado coma médico á vila, na que ben pronto se ía integrar, rematando por casar coa única filla de Don Antonio, viúvo e propietario do pazo e das terras dos Teixeiro.

Neste ambiente foi criado Don Tinín, un neno modélico que despois de superado o ingreso marcharía a estudar o bacharelato aos Maristas de Lugo, acadando unhas cualificacións sobresaíntes, o mellor expediente da súa promoción. Pero sería en Santiago, a onde foi estudar a carreira de Medicina, onde comezaría a torcerse. Vinte anos botaría para regresar ao pazo paterno sen ningunha materia aprobada, aínda que si con matricula de honor en esmorgas e mulleres. Como o que me trae hoxe aquí non é a vida licenciosa de Constantino, e o que sei é fundamentalmente de oídas pois por aquel entón eu aínda non viñera a este mundo, voume centrar na última etapa da súa vida, cando xa o fin do sétimo decenio comezaba achegarse.

Don Tinín, herdara dos seus antepasados, unha das bibliotecas máis importantes da provincia e foi xa cara ao final da súa vida, cando empezou a prestarlle atención, iso si, dun xeito moi especial. El, que levaba dende que rematara o bacharelato sen abrir un libro e que non tiña ningún interese en someterse a súa idade á cruel tortura da lectura, decidiu utilizar os libros coma “material de construción” ( nas súas propias palabras) e comezar a súa obra artística que tan valorada está hoxe no mundo da Arte Contemporánea.

Antes de nada, direi que a miña casa está a carón da súa. Por aquel entón eu tería uns dez anos, e nos ratos libres acompañábao no seu labor que consistía en construír cos libros, personaxes e monumentos universalmente coñecidos, auténticas esculturas en papel, sen importarlle pintar, debuxar ou mutilar os libros se isto for necesario pero sen xamais desfacerse das partes amputadas que noutro momento lle serían de grande utilidade.

Para ir ampliando a biblioteca e ao mesmo tempo para ter máis variedade de libros dos que poder tirar, todos os venres acudía no seu flamante Mercedes a Lugo mercar máis. Dos doce exemplares por semana non adoitaba baixar.

Foi así como conseguiu a valiosa colección que podemos admirar na súa casa, hoxe propiedade do Concello a quen foi doada, xa que coma vos podedes imaxinar, non tivo descendentes, polo menos recoñecidos.

Normalmente o que adoitaba facer era coller as obras dun autor determinado e construír algo relacionado co país do mesmo, aínda que a veces mesturaba autores sen un criterio definido. Así coas obras de Eça, construíu a Torre de Belén, coas dos poetas simbolistas Notre Dame. Curiosamente coa obra completa de Victor Hugo construíu a Estatua da Liberdade, vai ti saber por que. A Catedral de Santiago que é unha das xoias, con libros de Valle-Inclán e Antonio Machado e así ata completar a colección que hoxe coñecemos.

Cómpre destacar todo un poboado do oeste americano coas noveliñas de Estefania, Silver Kane e Keith Luger, cos edificios e personaxes máis salientables. Toda unha alfaia.

Dende este verán e despois de máis de quince anos de abandono e desidia por parte das anteriores corporacións, por fin abriuse ao público o Museo Teixeira, en horario de mañá e tarde, onde podemos recrearnos e de balde coa súa impresionante obra. Feito que debemos o inxente labor nos últimos meses por parte da nova corporación, a quen e dende esta tribuna expreso o meu agradecemento en nome dos cidadáns deste pobo. A ben seguro que este feito vai supor un gran pulo para o desenvolvemento do turismo, que xa nos últimos dous anos leva experimentando un considerable incremento.