‘A oportunidade do agarimo’ fía a imaxe da sexta edición do Camiño Escena Norte
‘A oportunidade do agarimo’ fía a imaxe da sexta edición do Camiño Escena Norte, que amplía a súa aposta polo intercambio cultural coa incorporación da ilustración ao seu cartel
A navarra Leire Urbeltz é a autora da imaxe da nova edición do CEN, que terá lugar do 13 de setembro ao 27 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra
A rede de estancias artísticas e profesionais Cruzamentos apoiará este ano os proxectos ‘El vacío que llena’, da compañía galega Furia Sotelo con Babirusa Danza, e ‘Fronteras que hay que cruzar’, de Hika Teatroa con Led Silhouette
Camiño Escena Norte amplía o seu compromiso co intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, poñendo o foco nas ilustradoras e ilustradores. Así, desde a súa vindeira edición, que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro, a imaxe do programa de artes escénicas será creada cada ano por artistas dos territorios CEN. Inaugura esta etapa a creadora navarra Leire Urbeltz (Iruña, 1985) cun inspirador cartel que, nas súas palabras, “aspira a representar a esencia dun traballo tan comprometido e emocionante como o que acontece detrás do pano dun escenario”.
Para Leire Urbeltz, participar na imaxe de Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), “supón alcanzar visibilidade en comunidades autónomas onde o meu traballo non chegou até o de agora”. “Síntome moi agradecida e ilusionada por abrir o ciclo de ilustradoras das diferentes comunidades autónomas que achegarán a súa arte a través da imaxe do CEN”, sinala a artista.
O cartel do CEN inclúe o lema desta sexta edición, que nesta ocasión é A oportunidade do agarimo, unha frase que recolle dous conceptos fundamentais para o Camiño Escena Norte. Por unha banda, a idea do momento e ocasión, xa que é un programa cultural que abre novas oportunidades, retos, formas de facer e posibilidades ao sector das artes escénicas. E, por outra banda, o afecto, agarimo e coidado con que se crea CEN, proxecto creado desde a comunidade escénica, desde o sector, desde o horizontal.
CRUZAMENTOS
Alén do programa de exhibición Constelacións -anunciado no mes de maio, e no que participarán as galegas Colectivo Glovo, Ibuprofeno Teatro e Píscore Teatro- no marco do CEN 2024 terá lugar unha nova edición do programa Cruzamentos, unha das pezas angulares do proxecto e que ten como obxectivo fundamental promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre as compañías dos territorios CEN.
Este ano, a rede de estancias artísticas e profesionais que promove a creación, a investigación e a formación escénica,reforzouse ofrecendo ás compañías un acompañamento de até 9.000 euros por proxecto. Ademais, flexibilizáronse as bases ca convocatoria coa intención de acoller propostas de cooperación diversas e transversais. Finalmente, e de cara á sexta edición do CEN, Cruzamentos acollerá dous proxectos, que foron seleccionados entre os 18 presentados, e nos que estaban implicadas máis de 30 compañías dos cinco territorios CEN. A comisión de avaliación que escolleu as propostas contou coa participación de profesionais de prestixio, como é o caso da dramaturga e directora adxunta do Centro Dramático Nacional, Fefa Noia, e da bailarina e responsable de desenvolvemento de proxectos de Dantzaz Centro de Creación Coreográfica Internacional, Bertha Bermúdez.
Así, El vacío que llena, da compañía galega Furia Sotelo en colaboración coa cántabra Babirusa Danza, desenvolverase entre do 14 ao 22 de outubro en A Casa Vella (Amiadoso, Ourense), un espazo de creación artística, encontro, mediación e dinamización do contexto rural. Ademais, Fronteras que hay que cruzar, dos vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette, terá o seu desenvolvemento no Centro Cultural Egia (Donostia) entre o 23 e o 29 de setembro.
En anteriores edicións de Cruzamentos, distintas compañías de Galicia tiveron ocasión de convivir profesionalmente e compartir coñecemento con artistas doutros territorios. Foi o caso de Marta Alonso Tejada, Paula Quintas Cía., Os Náufragos Teatro, Kirenia Danza, Olivas Negras, Ibruprofeno Teatro, Caramuxo Teatro, Pedras de Cartón ou ButacaZero. Esta última traballou no 2022 precisamente coa vasca Hika Teatroa sobre un espectáculo que se estreou no Centro Dramático Nacional na pasada tempada e que xirou por Galicia esta primavera: Iribarne.