De Ninghures estrea este martes 17 ‘A Burriña’, segundo avance do seu novo álbum

De Ninghures estrea mañá, martes 17, ‘A Burriña’, o segundo adianto do seu  novo traballo discográfico

  • A banda continúa a avanzar coa súa particular renovación da tradición, e desta quenda presentan un tema que aborda a imaxe do traballo das mulleres
  • A peza, da que a formación publicou este domingo un avance no seu perfil en Instagram, poderase escoitar desde as 00.00h do día 17 nas plataformas dixitais


De Ninghures afonda na súa aposta pola renovacion das músicas de raíz e por crear un novo camiño na actualización da tradición, cos pés na terra mais desde un prisma contemporáneo. Este martes, 17 de decembro, a formación dará a coñecer A Burriña, unha peza que aborda a imaxe do traballo da muller e que se presentará coma un torrente de forza, ateigado de cordas vibrantes e país. 

O tema, o segundo avance do novo traballo discográfico da banda -que verá a luz nos primeiros meses de 2025, e do que xa se coñece Corazón alionado-, está producido por Juan de Dios Martín e poderase escoitar a partir das 00.00 horas deste martes 17 nas principais plataformas dixitais. A formación publicou onte, día 15, no seu perfil de Instagram, un pequeno adianto do que o público descubrirá esta noite. 

Ao igual que Corazón alionado, o tema que a banda deu a coñecer no mes de novembro, A Burriña é unha peza cun marcado carácter, e que a través de letras propias e da revisión de coplas tradicionais, aborda a imaxe do traballo da muller e a súa falta de recoñecemento malia o seu esforzo silencioso, constante e necesario. 



De Ninghures

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñece Corazón alionado

20241216-NP-De-Ninghures-A-Burrina