O álbum, unha proposta sofisticada e coidada que consolida a PAVA como banda con Lucía Aldao no rol de frontwoman, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp do grupo 

O concerto de presentación, cuxas entradas están á venda en www.entradium.com, será o 5 de xaneiro na sala Mardi Gras e na cita o público descubrirá o curioso merchandising co que PAVA rende homenaxe á xeración que medrou nos anos 90  

A banda PAVA, liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, publicará o seu terceiro EP, Pava 3, o xoves 19 de decembro. No novo traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. Pava 3 poderase escoitar nas principais plataformas dixitais e adquirir a través do Bandcamp de PAVA

Pava 3 está composto por cinco temas sendo o primeiro deles Catastro, unha peza enérxica onde a guitarra convida a cantar, bailar e buscar, entre versos e apps, algo de paz. Ou algo tan sinxelo e esquivo como sentirse ben.  

O segundo, O himno da lesión, é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción— e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluída.     

Segue a continuación Tremendamente coquetas, que se podería describir tamén como un himno pero desta volta para un planazo o un festón de benvida para todas aquelas que desexen unirse o selecto club da letra Q. Un chamamento alegre ás lesbianas e bisexuais debutantes. 

O cuarto tema titúlase Unha cadela chamada Por Favor e nel destaca a colaboración de Gloria Pavía que aporta a súa voz á balada de Pava 3, unha peza con ritmo envolvente e un pouso de tristeza. O peche deste álbum chega con Catastriño, unha versión case espida do tema Catastro gravada –literalmente- nunha adega baixo terra e achegándose ao xeito íntimo de compoñer de Lucía Aldao: guitarra e voz. 

Aos noventa, in memoriam

Pava 3 acompañarase dunha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras.  

Este material promocional poderase descubrir e adquirir no directo de presentación do álbum, que terá lugar na Mardi Gras o domingo 5 de xaneiro. A partir das 22.00 horas, a mítica sala de concertos coruñesa acollerá unha “Noite de Raíñas Pavas” alternativa, disidente pero non por iso menos máxica, á marcada polo calendario. As entradas para a cita xa están dispoñibles, por 13 €, na plataforma web www.entradium.com

Biografía de PAVA 

PAVA é unha banda de pop liderada por Lucía Aldao, que conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. Ao fronte da masterización atópase Álvaro Gallego

PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. Este mes de decembro PAVA lanzará o seu terceiro EP, Pava 3, do que xa se coñecen Catastro O himno da lesión.  

Escoita Pava 3 a partir do 19 de decembro:https://pava.hearnow.com/3

Concerto de presentación de Pava 3
5 de xaneiro 2025 | 22.00 h | Sala Mardi Gras (A Coruña) 
Tickets 13 € | https://entradium.com/events/concerto-presentacion-pava-3

PAVA en Bandcamp |https://pava.bandcamp.com/music