O terceiro avance do novo disco, a peza “máis escura e visceral” das creadas pola banda, poderase escoitar desde as 00.00 horas do venres 17 nas plataformas dixitais


E, co terceiro adianto, chegou a escuridade. O venres 17 de xaneiro, ás 00.00 horas, publicarase O Último Baile, a creación coa sonoridade máis visceral e agresiva das tecidas até o de agora por De Ninghures. Trátase do terceiro sinxelo de avance do que será o novo álbum de estudio da formación, un traballo producido por Juan de Dios Martín que verá a luz nas vindeiras semanas. 

O Último Baile parte dunha copla recollida en 1979 en Arzúa por Dorothé Schubarth á informante Salomé e que se atopa no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). A partir desta lírica da tradición popular, e fiada polos propios versos e música de De Ninghures, nace un tema que fala do mal amor, “ese amores que se che meten na cabeza e que nos consumen”. Unha idea que se reforza a través dunha instrumentación escura e hipnótica e dunha sonoridade agresiva e visceral, que medra coma se tecese espirais, ata entrar en bucle, “como se fora unha obsesión que te encende e te destrúe a partes iguais”, apunta a banda. 

De Ninghures

De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí. 

En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado e A Burriña



PregardaO Último Bailenas principais plataformas dixitais