Este luns, 23 de setembro, desde ás 10.00h, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, activa a venda das entradas para o público xeral para os espectáculos de Sala e OTNI da súa 33ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 31 de outubro de 2024. 

Dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto ou Paula Quintas, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no festival.

Moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.

Deste xeito, este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3.

Por outra banda, este xoves, 26 de setembro, día de inauguración do #FIOT33, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, ás 20.30h, a inauguración da Exposición Zoom FIOT.