A sección Letters from Galicia recunca este ano no encontro londiniense grazas aos esforzos do Galician Film Forum (GFF) e da plataforma PROXECTA e co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais
O corno de Jaione Camborda vaise proxectar o 22 de setembro e contará cun encontro coa súa actriz protagonista, Janet Novas
A proxección do documental Salvaxe, salvaxe será o 23 de setembro e terá tamén un coloquio co seu director, Emilio Fonseca
As curtametraxes protagonizan unha sesión especial composta por Habitar, Véxote, To bird or not to bird, Non te vexo, Queimar cando morra e Alguén me chamou serpe negra
Tamén está prevista a proxección da cinta de produción galega Justicia artificial o 18 de setembro
Por segundo ano consecutivo, o cinema galego volve contar cunha sección específica, Letters from Galicia, no London Spanish Film Festival (LSFF). Así, a XX edición deste encontro, escaparate do audiovisual estatal, acollerá a proxección da longametraxe de ficción O corno, o documental Salvaxe, salvaxe e unha sesión de seis curtametraxes. Esta programación en galego é posible grazas ao esforzo conxunto do Galician Film Forum (GFF) e da plataforma Proxecta e conta tamén co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ademais, dentro da sección atópase a cinta de produción galega Justicia artificial que se proxecta en versión orixinal en castelán.
O LSFF, que xa acolle desde hai tempo seccións diferenciadas doutras comunidades, algunhas delas tan veteranas como a catalá e a vasca con 16 e 15 anos de vida, respectivamente, abriu a ventá galega por primeira vez no 2023. Desta volta, grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a sección é máis ampla, contando cun maior número de obras e de convidados que se desprazarán ata a capital londiniense para as actividades paralelas.
Así, o público poderá gozar da premiada O corno dirixida por Jaione Camborda o domingo 22 de setembro nos Riverside Studios e ao rematar haberá un coloquio coa actriz protagonista, Janet Novas. Un día despois, o luns 23, será a estrea en Londres de Salvaxe, salvaxe, tamén nos Riverside Studios, e nesta ocasión o público poderá departir co seu director Emilio Fonseca. En ambos os dous casos, o coloquio estará moderado por Adriana Páramo, cineasta e directora do Galician Film Forum.
O 24 de setembro no Ciné Lumière vaise proxectar unha escolma de curtas nunha sesión especial denominada Short Letters from Galicia. As seis obras seleccionadas son estrea no Reino Unido e están vinculadas pola busca persoal e a exploración emocional dos seus protagonistas. Esta sesión de curtas está integrada por Habitar, de Anxos Fazáns, Véxote de Óscar Pardo, To bird or not to bird, de Martín Romero e gañadora do Goya 2024 á mellor curta de animación, Non te vexo, de Xacio Baño, Queimar cando morra, de Inés Pintor, e Alguén me chamou serpe negra, de Borja Santomé.
Alén desta programación en lingua galega, a sección Letters from Galicia tamén inclúe a obra Justicia artificial, de Simón Casal, que se proxecta este mércores 18 no Ciné Lumiére. Ao rematar o filme está previsto un coloquio co director que será moderado por Joana Granero, directora do LSFF.
Alén disto, cómpre sinalar que o 22 de setembro e dentro da sección vasca, 15th Basque Window, está prevista a proxección da película de animación El sueño de la sultana, con coprodución galega.
Sobre as obras
O corno supuxo a primeira vez que unha obra en galego gañou o galardón Concha de Plata no Festival de San Sebastián no 2023. Dirixida pola cineasta vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, conta a historia de María, unha muller que axuda nos partos e que tras un suceso inesperado vese obrigada a fuxir. En busca da súa liberdade, cruza a fronteira por unha das rutas contrabandistas entre Galicia e Portugal.
Salvaxe, salvaxe, dirixido por Emilio Fonseca, foi o documental gañador da Biznaga de Plata no Festival de Málaga de 2024 e eríxese como un ‘antidocumental’ que toma como punto de partida o rastrexo do lobo ibérico, interrogando a través da cámara a relación do humano coa natureza.
Justicia artificial é un thriller dirixido por Simón Casal ambientado nun futuro distópico no que Goberno español convoca un referéndum para decidir a implementación dun sistema de intelixencia artificial na administración de xustiza que se substituiría aos xuíces. Carmen Costa, unha recoñecida xuíza, traballa no proxecto ata que unha súpeta desaparición faille desconfiar.
Sobre o Galician Film Forum
O Galician Film Forum (GFF) naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.
____________________________
PROGRAMA ‘LETTERS FROM GALICIA’
Justicia artificial
Mércores 18 setembro | 20.30 h | Ciné Lumière
Coloquio co seu director, Simón Casal, moderado por Joana Granero, directora do LSFF
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/justicia-artificial/
O corno
Domingo 22 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]
Coloquio coa actriz Janet Novas moderado por Adriana Páramo, directora do GFF
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/o-corno/
Salvaxe, salvaxe
Luns 23 setembro | 18.00 h | Riverside Studios [101 Queen Caroline St, London W6 9BN]
Coloquio co director Emilio Fonseca moderado por Adriana Páramo, directora do GFF
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/salvaxe-salvaxe/
Short Letters from Galicia
Martes 24 setembro | 18.30 h | Ciné Lumière [17 Queensberry Place, London SW7 2DT]
Entradas: https://londonspanishfilmfestival.com/short-letters-from-galicia/
Programa:
· Habitar (2023) de Anxos Fazáns
· Véxote (2023) de Óscar Pardo
· To bird or not to bird (2023) de Martín Romero
· Non te vexo (2023) de Xacio Baño
· Queimar cando morra (2024) de Inés Pintor
· Alguén me chamou serpe negra (2024) de Borja Santomé
Web del London Spanish Film Festival (LSFF): http://www.londonspanishfilmfestival.com/