LODE REPARTE BO ROLLO CONTRA OS HATERS NO SEU NOVO LANZAMENTO “TKILA”
ESTE NOVO SINXELO É XA O TERCEIRO ADIANTO DO SEU NOVO TRABALLO
LODE publica o seu novo tema “TKILA”, que exerce como terceiro adianto do que será o seu primeiro EP. Tras experimentar co afrobeat en “Carita de Ángel” ou coa cumbia en “Tres Tragos”, o artista galego mergúllase na música electrónica e no EDM, cunha base moi enérxica e bailable. Nesta ocasión, centra a temática no odio que se xera nas redes e na vida real, e opta por reivindicar que hai que disfrutar do que un fai e pasar de quen só quere facer dano.
Un dos motivos que levou ao artista de Narón a compoñer este tema foi todo o hate recibido cando publicou fai un ano o seu tema “Las Ganas”, onde utilizou un sample da famosa canción “Sin Miedo A Nada” de Álex Ubago, e que nin co visto bo do artista acalou ás persoas que por redes consideraron que non era correcto. Para todos eles LODE preparou un convite a chupitos, co fin de seguir a festa e ao seu rollo, restándolle importancia aos seus comentarios e centrándose en querer pasar un bo rato e festexar todo o acadado ata o momento.
Este novidoso enfoque musical dentro da carreira do artista é unha mostra máis do seu carácter polifacético, aventurándose con estilos moi distintos entre si. O tema, producido por Baghira e Mees Bickle, partícipes tamén da produción de “Carita de Ángel”, foi gravado en Sevilla, cunha mestura e masterización feita por The Mars Citizen e Black Box Mastering. Unha volta ao EDM, xénero que se popularizou enormemente a mediados da década pasada, para poder acompañar á temática do tema, e un xénero ata agora pouco explorado por LODE. Tras “Carita de Ángel” e “Tres Tragos”, “TKILA” incorpórase aos lanzamentos do artista galego neste ano, e que sentan as bases da súa aposta persoal, un proxecto multidisciplinar no que destaque a súa versatilidade.
MÁIS DE LODE
LODE é un dos artistas galegos con maior repercusión nas redes sociais. Cun estilo urbano pero multidisciplinar, o cantante de Narón está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras as súas exitosas aparicións en programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, LODE eleva a escena urbana a base de talento, con composicións musicais e coreográficas propias de primeiro nivel.
As súas redes sociais son unha pequena mostra da repercusión do cantante e bailarín galego, acumulando máis de millón e medio de seguidores de todas as partes do mundo nelas, destacando os máis de 35 millóns de visualizacións que acumula na súa canle de YouTube. O seu talento non pasou desapercibido dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando novos traballos discográficos, así como un novo directo no que deixar patente o seu carácter multidisciplinar, sendo quen de combinar a súa capacidade vocal co seu talento coreográfico. LODE levará o seu éxito nas redes aos escenarios.