Hugo Guezeta ábrese por completo para presentar o seu novo sinxelo “A Toleira”, o quinto adianto do que será o seu primeiro disco de longa duración, que verá a luz nos próximos meses. Baixo a temática dun amor que non remata de encaixar, Hugo afonda dentro dun intimismo do que adoita deixar pequenas mostras, pero co que nunca se adentrara tanto como nesta canción.
Tras publicar os adiantos de “O Noso Tempo”, “Feridas”, “De Volta” e “Cantare”, esta última coa colaboración das rapeiras Nadie González e Temible Olivina, o rapeiro galego lanza “A Toleira”, unha canción máis suave e melódica baixo a produción de Peter Petrowski, artífice na produción de todos os adiantos ata agora publicados por Hugo, así como o disco que verá a luz antes de finais deste ano 2024. Nesta novo adianto, Hugo volve a contar coas guitarras de Arón Ferreiro, guitarrista de grupos como Keixa ou Errantes. A pesar de que o tema naceu dende a melodía e a base para posteriormente incorporar a letra, o tema pedía meter guitarras melódicas, e Arón e Petrowski empastaron á perfección para aportarlle ao tema un novo son que o mellorou.
O tema ve a luz xunto cun video lyrics feito polo mesmo Peter Petrowski, encargado tamén de realizar a portada. Con este novo tema, baseado nas inquedanzas persoais e en querer evadirnos na nosa vida cando se complican as relacións amorosas, perfila o que será o seu novo disco, que presentará en directo nunha xira que xa conta coas súas tres primeiras datas confirmadas. O 12 de decembro Hugo abrirá a xira en Mos (Sala Rebullón), para continuar o 19 dese mesmo mes na Coruña (Sala Mardi Gras) e o 21 en Santiago de Compostela (Sala Sónar). As entradas xa están á venda en enterticket.es.
PRIMEIRAS DATAS DA XIRA “O NOSO TEMPO”
14/12 · SALA REBULLÓN · MOS · ENTRADAS
19/12 · SALA MARDI GRAS · A CORUÑA · ENTRADAS
21/12 · SALA SÓNAR · SANTIAGO DE COMPOSTELA ·
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos rapeiros e letristas máis importantes e talentosos do panorama musical galego. Tras o éxito do seu grupo SonDaRúa, co que chegou a dar máis de 200 concertos por todo o estado, actuando en grandes festivais e enchendo salas históricas como a Sala Capitol de Santiago de Compostela, o rapeiro emprende agora a súa andaina en solitario.
Hugo consolidouse como un dos grandes rapeiros de Galicia non só pola súa pegada en SonDaRúa, xa que intercalou a súa labor no grupo con lanzamentos individuais que acumularon decenas de milleiros de escoitas en plataformas.
O artista galego destaca polas súas letras cargadas de reivindicación e crítica social, así como pola calidade do seu rapeo. Nesta andaina en solitario, Hugo leva as súas letras a un aspecto máis persoal e íntimo, pero mantendo en todo momento esa forte crítica e reivindicación que xa son característicos del. Tamén a súa música evoluciona cara sons máis versátiles e bailables, que posicionan ao proxecto como un dos máis interesantes deste ano dentro do panorama urbano.
O seu primeiro disco de longa duración, gravado e producido na súa totalidade polo produtor Peter Petrowski, sairá a finais de 2024, e “O Noso Tempo”, “Feridas”, “De Volta”, “Cantare” e “A Toleira” son os primeiros adiantos do mesmo. Nos próximos meses sairán os seguintes adiantos do disco, que se caracterizará por un son versátil e divertido, con letras de carácter persoal sen perder o foco na crítica social reivindicativa, selo de identidade de Hugo Guezeta.