Título: TRAMPONA LUZ
Na corte xa medra algún toxo. Caeron xa, podres, os estantes da lacena. Nunha parede despintada sostense un marco sen fotografía. Fóra dos gonzos, unha porta descomponse no po dunha ausencia indescifrable. Unha culler oxidada remexe a lembranza.
Morreron e xa ninguén considerou a volta. Insiste a ruína na súa fala. Anícome de novo a carón dela para desposuíla de min. Para que non me conquiste coa trampona luz que se coa pola fiestra da cociña.
O pozo segue tendo auga. Achégame, fai o favor. Achégame un caldeiro, unha roldana e a corda imperecedoira da túa mirada.