García MC comeza o ano retratando os seus primeiros anos de vida en ‘Permanece Sempre’, o seu novo sinxelo. O rapeiro ábrese nesta canción para falar da primeira etapa da súa infancia, dende o seu nacemento ata os primeiros anos de colexio. Mantendo sempre as súas raíces musicais e a súa esencia hiphopeira, García olla cara esta etapa da súa vida dende a mirada do seu eu actual e homenaxéaa nos seus versos. Este tema é o terceiro adianto de ‘Sergio Manuel’, o seu novo traballo discográfico que verá a luz proximamente e que terá un claro carácter autobiográfico.

Tras publicar ‘Quen Son Eu?’ xunto a Xisco Feijoó e ‘Aguardiente’ xunto a Julio Maloa (integránte de la Raíz), Ruzzo Mc e Roldán (integrantes de Orishas) e DJ Hazhe,  García MC lanza ‘Permance Sempre’, unha reivindicación da súa infancia manténdose fiel en todo momento ao estilo que o caracteriza. Cunha base de rap clásico composto por Peter Petrowski e producido por Iago Pico, o artista flúe sobre as súas vivencias, incorporando tamén versos poéticos na voz de Alfonso Pexegueiro.

O tema ve a luz xunto cun videoclip dirixido por Marcos Montiel de Kakun Filmes no que inmortaliza os seus primeiros anos de vida. Desta maneira, e tras retratar a súa adolescencia en ‘Quen Son Eu?’ e a súa segunda infancia en ‘Aguardiente’, García MC segue avanzando o que será o seu seguinte EP, artellando así a súa autobiografía sonora e abrindo o ano 2025 que traerá nova música e novos concertos para un dos precursores da cultura hip-hop en Galicia.

MAÍS SOBRE GARCÍA MC

García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. Así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.