Este sábado, 26 de outubro, ás 17.30 horas, levarase a cabo no auditorio da Casa-Museo Manuel María a gala-concerto da fase final do III Concurso Manuel María de Composicións Musicais.
A gala comezará coa interpretación das cinco pezas finalistas a cargo da pianista Noemí Salomón e da mezzosoprano Nuria Lorenzo (concretamente interpretarán O carro, Galiza, Neno, Mito e Galicia, pezas compostas por María Mendoza, Saúl Aguado de Aza, Luis Serrapio Fernández e Francisco José Carbonell Matarredona). Unha vez finalizada esta primeira parte, mentres o xurado realiza a súa deliberación, a mesma pianista e mezzosoprano presentarán en concerto unha serie de cancións dos compositores galegos José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.
Para asistir é preciso facer a reserva correspondente, ben dirixíndose ao seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou ao whatsapp 698177621.