PAVA pendura o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación do seu novo EP, Pava 3, este domingo 5 na sala Mardi Gras

Se a noite do 5 de xaneiro levase por nome unha canción de Pava 3, ben podería ser Un bolo titulado “Tarde piaches!”: xa non quedan entradas dispoñibles para asistir á presentación do novo EP de PAVA, a banda liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao. É que, seguindo as letras de Aldao no tema Tremendamente coquetas, “todas queren estar na letra Q” e, neste caso, na Noite de Raíñas Pavas, que terá lugar o domingo 5, a partir das 22.00 horas, na sala Mardi Gras. 

Pava 3 é un exercicio de pop luminoso, un traballo discográfico no que a banda torna en protagonista, mais seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada. 

Na estrea ao vivo de Pava 3 -dispoñible en formato dixital a través do Bandcamp de PAVA-, as asistentes poderán adquirirun merchandising moi especial: unha edición de 200 carpetas que incluirán un código de descarga dos temas do EP, as letras impresas en follas recendentes e un póster despregable coa portada de Pava 3, na que Lucía Aldao é protagonista. A elección destes obxectos non é casual e operan como unha metáfora das carpetas que non se forraron e mais os pósters que non se colgaron en tantas adolescencias noventeras