DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Por que esGaza a indiferenza?

Un ano xa e as cifras son aterradoras, mais igual iso de ser unha cifra non lle confire corporeidade ao mundo. Estes días volvín reler ao filósofo e cineasta Guy Ernest Debord, tan actual hoxe e sempre, e logo dunha charla existencial no xantar co meu fillo de dez anos non puiden facer outra cousa que escribir.

Debord ten unha obra magnífica La Société du spectacle (A sociedade do espectáculo) no que sostén que as sociedades modernas evolucionaron ata un modelo onde as relacións sociais son meras imaxes, representacións, o que converten a vida nun continuo espectáculo. Artellándose o poder e a política a través da produción das mesmas, da espectacularización do mundo alienando ás persoas da realidade material, da política.

Partamos pois, neste caso de que os conflitos actuais amplifícanse a nivel global a través das redes sociais e dos medios de comunicación, construíndo un “espectáculo” do conflito, onde as continuas imaxes de bombardeos, ataques e sufrimento son vistas a nivel global no mesmo intre de aconteceren. É pois a guerra, unha narrativa mediática que, na meirande parte dos casos, oculta as causas profundas e estruturais do conflito que nos levan a sacar conclusións a pé de rúa, sen sequera antes informarnos histórica, política e realmente. É por isto que nesta obra, o filósofo francés fai fincapé en que os actores políticos e institucionais tiran proveito dos medios para controlar as narrativas, polarizando a opinión pública e empregando o conflito para consolidar as súas posicións de poder.

Isto condúcenos, sen dúbida, a unha deshumanización das persoas implicadas, véndoas simplemente coma números ou obxectos, estatísticas ou anacos de carne, que como non son os nosos, non os choraremos. Poñámoslles nomes, idades, historias, veredes como muda o conto.

Pois até o de agora a meirande parte da poboación está a “consumir” o conflito coma un mero entretemento, un aspecto un tanto inquedante, como o mesmo Debord expón na súa obra. Observamos impasibles os aconteceres mentres as nosas vidas continúan sen máis preocupación que saber se o noso equipo vai ou non primeiro na liga ou canto pagaremos este ano de contribución.

Caemos nesta política do espectáculo, do terrorismo onde a falsidade pode asumir legalmente o nome do verdadeiro, do xa extinto. Mentres vemos unha terra alienada dos seus donos dende hai tanto tempo que debe sucumbir ante a vitimización dos herdeiros do holocausto, que non son outros que os mesmos que, a día de hoxe, seguen a perpetrar un xenocidio aterrador.

Estamos ante a descomposición catastrófica da sociedade? Probablemente. O domingo iamos a Santiago a miña frangulla e eu, a enchouparnos baixo a choiva, a partillar indignación con quen tivo a ben compartir consigna porque toda vida é unha vida e ter que perdela a mans dun pobo exterminador que partilla en redes sociais as atrocidades que perpetra é algo que me resta alento día a día. Son estes problemas de hipersensibilidade nosa ou de falta de sensibilidade da sociedade na que nos atopamos? Lembrades cando nos manifestabamos contra a guerra en Irak? Onde quedaron as grandes concentracións contra os atropelos aos dereitos humanos e aos tratados internacionais? Faltábame xente!

No día a día, a mais de solidarizarnos co pobo palestino e libanés enviando diñeiro para oenegués que están a pé de conflito pouco máis podemos facer. Ollar o terrible listado de empresas que colaboran dun xeito ou outro co estado sionista e que nos envolven día a día no traballo, na casa, no ocio, que están en todas partes. Visibilizar, como antigamente o facía o loito, unha kufiya en sinal de dó, xuntarse unha presada de persoas unha vez por semana ou por quincena para demostrar que lembramos, que seguimos vixiantes das atrocidades cometidas cando todo o mundo segue o seu quefacer cotiá sen que nada mude. Porque como diría Debord, hai moita xente que o único que sabe do holocausto nazi é o que veu nunha pantalla de plasma, algo que semella irreal, unha película de ciencia ficción, e esa xente é a que logo di que o da memoria histórica é un invento para desviar cartos do Estado a algo que xa non paga a pena lembrar.

Hoxe, un ano despois, facemos reconto de ataques a hospitais, colexios, refuxios, ONGs. Hai 42.000 persoas asasinadas, máis de 10.000 desaparecidas debaixo dos cascallos do que antes foron cidades, hai máis de dous millóns de persoas desprazadas, o 40% das vítimas foron menores de idade e sempre resistindo, pois lembremos que o pobo palestino leva 76 anos de ocupación e apartheid.

Mentres, o goberno español, autorizou en 2022 exportacións de armas a Israel por uns 9 millóns 200 mil euros, aumentando en 2023 no primeiro semestre a 44 millóns de euros malia que logo do estourido do conflito suspendera temporalmente a venda de armas ao estado sionista.

O mundo gaña cartos a costa das bágoas de milleiros de persoas, o candidato ás eleccións estadounidenses, Donald Trump, dicíalle a Netanyahu que o que tivese que facer que o fixese dunha vez e o fixese ben, amosándolle o seu total apoio e demonizando ao pobo palestino, unha vez máis. E toda a política internacional está chea dos argumentos colonialistas e supremacistas que levaron a outras guerras, mentres a política deixa de ter memoria, mentres o ser humano deixa de ter memoria e sensibilidade e atopamos á ultradereita facéndose con bastións que lle arrebatara a segunda guerra mundial.

Que acontecería se en troques de ser Palestina fose Alemaña, fose Francia, fose España o país agredido por Israel, chamariámoslle por fin terrorismo ou seguiríannos a dicir que é lexítima defensa?

E entre medias, abres un xornal e les que se investiron 363 millóns de euros no proxecto Hera, unha sonda europea para defender a Terra do impacto dun asteroide. Será que merecemos extinguirnos? Non o evitemos pois.

*Autoría imaxe principal: Hosny Salah