DÍAS DE LIXO, por Miguel Díaz

DÍAS DE LIXO

Miguel Díaz

Patriotas que apestan a rancio,

paus de golf, segunda residencia…

Bandeiras, Paquito, casposos,

aguias cosidas, iates á espera…

Desprezo do esforzo e dos mortos,

orneos fascistas na inconsciencia…

Rúas da falacia e do patetismo,

egoísmo de miserables ovellas…

Máis espécimes que neuronas

esixindo, a brados, liberdade

Barrio rico, xente pobre,

berrega insensible a necidade…

Rotondas cunha única dirección

á ultradereita desprezable,

xunta de escoura privilexiada,

altofalantes da barbarie…

Trapos da tea das elites,

infame festa da inhumanidade,

podremia dun tempo escuro,

pobres virus da mesquindade…

CONFLITO, por Miguel Díaz

CONFLITO

Miguel Díaz

No cruel conflito sen fin

que eu non comprendía

xoguei partidas alleas

moi afastadas da poesía…

No ignoto mantel usado

que outros estenderan

fun tecendo un bombardeo

no que, adoito, resistía…

Vagaba por terras adversas,

na lameira da guerra eterna,

e tremía fero ante o estrondo

de ataques que imaxinaba…

Ignorante da miña esencia

atravesaba a cegas o mundo,

perdido nunha realidade

que sempre me abafaba…

Os brazos do medo erguían

muros que me afastaban,

abrían trincheiras na lama,

preparaban dura coiraza…

As mans incomprendidas

deambulaban perdidas e núas

pola curvatura das balas,

polas súas puntas afiadas…

Bloqueado no campo de batalla

asumía as culpas da desfeita

mentres a tristura me cravaba

os seus dentes insaciables…

Ruín desencanto medraba

alimentado por inxustizas

e soñaba unha comprensión

que comigo non acadaba…

Pero quixen seguir camiño

e construíndo polo porvir

quixo a vida agasallarme

a tregua nunha mirada…

Mais a guerra non rematara

e entendín o fin inevitable

e vinme de novo na loita

pero ferido e desarmado…

E nunca deixei de amar

a paz que tanto ansiaba

e que me mantiña en pé

rebulindo nas vísceras…

Hoxe atopo respostas

onde sempre me agardaron,

na cerna que me sostén

e que calada me forxaba…

Pero aínda sinto o verso

dun sorriso que me agarda

e comezo un camiño novo

na diferenza que acepto.

PANDEMIA, por Martiño Maseda

PANDEMIA

Martiño Maseda


Comezabamos a espirnos
cando o primeiro contaxio anulou as palabras
que recendían a camiño ignoto
e falazmente transitable.
Decretouse o silencio na cartografía da casa.
No seguinte impulso puxéronlles bozos
a aqueles que arelaban trabar a apetecible carne da lascivia.
E deixamos de ser inocentes, de mirarnos con fiúza,
confinados na noite da nosa malicia.
A primavera aletargou os afectos.
E fuximos de nós mesmos con icario devezo
cara ao lume dun solpor obsceno que nos persuadía.
Talvez xa non sexamos quen de suturar a fenda
do sacrilexio cometido contra a semántica dos soños.
Agora a quentura da pel abomina a sintaxe pétrea dun tempo
que regañou polas súas costuras íntimas.
E a mirada albisca un horizonte de aves ventureiras.
O ser carnívoro sempre chama dúas veces.

A NOSA LINGUAXE

A NOSA LINGUAXE

A NOSA LINGUAXE

 

Teño sílabas…

desexando que sexan desarticuladas pola túa lingua,

palabras mudas pola sintaxe da túa presenza.

 

Hai moitas letras que describen lendas

na páxina da túa pel,

con sons que non son escoitados pola intimidade.

 

Os espazos…

son reservados na nosa derme,

en monosílabos ardentes,

diptongos feitos de fogueiras,

nunha linguaxe máxica,

no silencio das miradas.

 

A paixón é o códice

que pon un reto aos nosos sentidos.

As silabas destrozan incoherencias

que estructuran unha nova linguaxe.

 

O idioma do vértigo,

os latexos cóncavos da paixón,

coma única lingua…

a exclusiva e inclusiva linguaxe da nosa existencia.

 

© ADOLFINA MESA 2018

IMAXEN: OBRA ORIXINAL DO AUTOR. “POSESIÓN”.

 

POEMAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA. NPG e Outros Autores.

POEMAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA. NPG e Outros Autores.

  1. Para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero o grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica levou a cabo a iniciativa de pendurar nas farolas poemas cuxa temática estaba relacionada con esta lacra social, que atenta contra a esencia fundamental da muller como ser humano.

E agora ditos poemas pasan a formato dixital para que poida gozar coa súa lectura todo o mundo.

Velaí o enlace para descargar os Poemas contra a Violencia Machista da NPG Nova Poesía Guitirica e que formaran parte na súa maioría da iniciativa citada de comezos de ano de #PoemasPenduradosDeFarolas e #EnNegroContraAViolenciaMachista. Ademais dos poetas escritos polos integrantes da NPG, tamén aparecen doutros autores coma Emilia Martínez Fuentes, Toño Núñez, o vilalbés Martiño Maseda, o gañador da primeira edición do Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro, Raúl Gómez Pato e, por suposto, o vilarego universal Xosé María Díaz Castro.