Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada

Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada

A figura do fotógrafo ambulante e polifacético José Lobeiras Gómez ‘O Armeiro de Berulfe’ que foi ademáis de retratista coñecido na comarca chairega de boa parte do século pasado, un home de numerosos ofícios, como zoqueiro, ferreiro, sacamoas, barbeiro, xoieiro, iluminador de festas con petrománs, ebanista, o primeiro en poñer canalóns de cinc na zona, curandeiro, piloto e armeiro.

Os seus retratos de numerosas actividades deses tempos e as testemuñas de coñecidos serán o fío condutor dun traballo documental dirixindo por Antón de Guizán e Luís de Fabete e coa colaboración de Moncho Fuentes (fotografía), Sandra Tenreiro (música), Maria Blanco (montaxe) e o asesoramento e supervisión de Cibrán Tenreiro (director de Entrar aos Vilares).

Mentras, deixamos neste álbum algunhas das súas imaxes, que con outras que están a ser restauradas polo fotógrafo Moncho Fuentes, constitúen un importante documento visual doutros tempos e a recuperación da figura dun grande home que de non ser polo traballo de Pastora Veres caería no esquecemento.

Garantimos así, grazas ao proxecto Os Vilares, lareira de soños e Culturalia GZ, outra achega á memória e ao património do noso pasado.

Con esta publicación, unha exposición que prepararmos, o documentário é unha publicación en papel facemos xustiza a José Lobeiras e a tódolos retratistas dunha sociedade de tempos duros, e memoria visual da sociedade dos nosos avós e bisavós.

Na parróquia dos Vilares é rara a casa que non teña fotos vellas do Armeiro. As que aquí se mostran foron facilitadas polo seu fillo Fidel para garantir a sua conservación e difusión, polo que lle agradecemos a súa confiança e colaboración.

Agardamos que sexa do voso interese.

No seguinte enlace temos acceso ao Álbum O ARMEIRO DE BERULFE. A Memoria Retratada.

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

Libro POEMAN

Libro POEMAN

Para conmemorar o Día Internacional da Poesía 2018, Culturalia GZ e NPG Nova Poesía Guitirica publican un libro dixital de poemas manuscritos, moitos deles acompañados de debuxos realizados a man polos propios autores dos poemas.

Velaí o enlace onde podemos visualizar dito libro.

Medre a Poesía!

Libro Creación NPG Nova Poesía Guitirica

Libro Creación NPG Nova Poesía Guitirica

O 3 de outubro de 1990 celebrouse no cemiterio de Guitiriz o enterro do poeta Xosé María Díaz Castro.
Imaxe do enterro de Díaz Castro
Cortexo fúnebre con Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, González Tosar e Manuel María entre outros

Ao seu funeral asistiron numerosas figuras de relevo da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Luís González Tosar, Miguel Anxo Fernán-Vello e Paco Martín. A cerimonia relixiosa foi oficiada polo seu amigo Alfonso Blanco Torrado, quen, entre outros textos do autor protagonista do Día das Letras Galegas 2014, recitou o seguinte:

¡Esta sede de lus, mentres o vento
da morte zúa darredor das cousas
que están no noso corazón, cincento……!

25 anos despois, o 2 de outubro de 2015 conmemorouse o cuarto de século do seu pasamento no cimeterio de Guitiriz e posteriormente na igrexa da súa parróquia natal, Os Vilares, con una acto na sua memória con amigos, estudosos, veciños e admiradores, e sobre todo poetas novos da sua vila que Armando Requeixo nomeou para aquela ocasión Nova Poesía Guitirica. Daquel acto, xurdiron novas iniciativas poéticas e o grupo foi medrando. Hoxe, dous anos e médio despois, CulturaliaGZ e a própria NPG recuperaron as intervencións daqueles poetas que chamaron ao evento “Afilhad@s de Pepe” para salvaguardar as palabras daqueles que con tanto agarimo prenderon a luz deste vento poético activo que desde o Vilariño sopra en toda a Chaira. Ademáis, naquela tarde de inverno, anunciouse a creación do prémio Diaz Castro de poesia. Amigos de Pepe como Xulio Xiz, familiares como Man Castro, estudosos e amantes da súa obra como Armando Requeixo, defensores e herdeiros do seu legado como Alfonso Blanco, a alcaldesa das homenaxes das letras, Regina Polín e sete afillad@s poétic@s, a desde aquela NPG, afillada de Pepe para que a poesía se asentara no Vilariño, nos Vilares, en Guitiriz, na Chaira e no mundo para sempre, publican en formato dixital o documento que acompañado dos vídeos de cada intervención, inmortalizan aquela data.

Podedes descargalo no ENLACE.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

A CHAMADA DE BRIGID, o poemario de Jesús Trashorras

A CHAMADA DE BRIGID, o poemario de Jesús Trashorras

Culturalia GZ e NPG comprácense coa publicación dun novo poemario de Jesús Trashorras, A CHAMADA DE BRIGID. Este libro de poemas, do autor nado na parroquia de Vilariño en Castroverde, súmase a outros títulos nos que xa amosou a súa fondura poética, tal é o caso de O silencio do orballo.

O autor en Penas de Rodas

Jesús Trashorras Nogueira naceu no ano 1956 en Castroverde (Lugo). Diplomado en EXB e licenciado en Ciencias da Educación. Exerceu de mestre en varias localidades do Occidente de Asturias, maiormente na Veiga, e na última época en escolas de localidades preto de Lugo: Corgo, Friol, Nadela. Actualmente está xubilado.

Participou en varios proxectos colectivos: Mesturas, Roteiros das artes, Roteiro das artes internacional, revista Xistral, Libro homenaxe a Manuel María, Portugalicidades.

En marzo de 2017 publica o seu primeiro poemario O silencio do orballo, que se atopa esgotado na actualidade. Este é polo tanto o seu segundo libro de poemas. Poemas inspirados nunha viaxe realizada no verán do 2016 por terras irlandesas.

Pódese seguir a súa creación literaria a través do seu muro de facebook. https://www.facebook.com/profile.php?id=100006603616638 ou ben no seu blog Unha gavela de versos http://jesustrashorras.blogspot.es

 

Como xa se adiantou, o xermolo dos versos que compoñen A CHAMADA DE BRIGID atopámolo nas palabras do propio autor, recollidas na Introdución do libro:

“No verán de 2016, xunto con dous amigos emprendemos unha viaxe no noso propio
coche, camiño da Illa Esmeralda. Chegamos ao porto de Roscoff, na Bretaña francesa
e alí embarcamos no ferry “Oscar Wilde” (axeitado nome o seu) rumbo a Rosslare e
desde alí a Wesford, cidade natal do escritor John Banville, onde pasamos a primeira
noite. Logo viría un percorrido por toda a illa, ata rematar novamente en Wesford.”

No seguinte enlace pódese acceder ao contido deste poemario.

Medre a Poesía!

FOLLETO POÉTICO. Día Internacional da Muller 2018

FOLLETO POÉTICO. Día Internacional da Muller 2018

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller 2018, Culturalia GZ e NPG decidiron publicar unha serie de textos poéticos de distintos autores, onde a temática se centra na figura da muller dentro da sociedade. Ditos textos, que non acadan a calificación de libro, nin iso pretenden, si amosan a fondura que suscita a urxencia pola reivindicación da igualdade e dos dereitos da muller.

Neste enlace podemos visualizar os versos que compoñen o FOLLETO POÉTICO.

Medre a Poesía!