A entrada para asistir na Capela da Madanela á función, que terá lugar o día 19 ás 18.00 horas, será de balde ata completar a capacidade do espazo
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Arzúa. O sábado 19, a partir das 18.00 horas, a Capela da Madanela acollerá a representación de El jardín de Olivia, unha peza para todos os públicos da compañía navarra Pájaros Pintados Creación Teatral. A o acceso será libre ata completar a capacidade do espazo.
Pájaros Pintados é unha compañía de creación escénica, colaboración e mediación artística que nace en 2022 da man de Victoria Musetti. Busca crear un espazo de colaboración entre profesionais novos e outros de maior traxectoria para se enriquecer de experiencias diversas. Interésalle traballar co público a través de proxectos innovadores e actividades de mediación.
El jardín de Olivia comeza no primeiro día da primavera. A protagonista, Olivia, volve ao xardín para velo nacer e para limpar os restos que deixou o inverno. Pero Olivia non está soa, neste xardín florecen os recordos cultivados xeración tras xeración polas mulleres da familia. Unha viaxe a través das ausencias e do paso do tempo, a través da despedida e do reencontro coa mascota da infancia, cos avós, cos pais e coas nosas raíces. Día tras día, ano tras ano e flor tras flor, sempre gardamos a esperanza dunha nova primavera.