Camiño Escena Norte inunda o Gustavo Freire co espectáculo ‘El nadador de aguas abiertas’
CEN desembarca este xoves 17 na capital luguesa cunha obra de teatrosobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizada por Markos Marín e o televisivo Adolfo Fernández
As entradas para asistir á función, con música de Fernando Velázquez -autor das BSO de Lo imposible ou El orfanato– están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta semana a Lugo. O xoves 17, a partir das 20.30 horas, o auditorio municipal Gustavo Freire acollerá unha función de El nadador de aguas abiertas, das compañías vascas K. Producciones e Tanttaka Teatroa. As entradas para a cita están á venda a través da páxina web www.entradaslugo.es.
El nadador de aguas abiertas é unha obra escrita polo xornalista catalán Adam Martin Skilton e adaptada por María Goiricelaya na que se aborda a amizade e a superación a través da relación que establecen as dúas personaxes protagonistas: Walrus (que leva á escena o televisivo Adolfo Fernández), un experto nadador que agocha un trauma familiar, e Nilo (interpretado por Markos Marín), un home que aprenderá a nadar aos 48 anos da man do primeiro.
Unha impresionante escenografía con cubos de auga e area, cun convertido nun oceáno, será o espazo no que se presente este espectáculo, dirixido por Fernando Bernués, e cuxa banda sonora orixinal é obra do compositor asturiano Fernando Velázquez, autor da músicas das películas Lo imposible e El orfanato, ou de series como Patria e Apaches.
O programa de intercambio regresará o xoves 24 á provincia lucense para pechar a súa cuarta edición en Viveiro, no Pastor Díaz, coa representación de Ada Byron: la tejedora de números; unha peza gañadora do Premio Jovellanos á Produción Escénica 2023 e que tamén acadou seis galardóns nos Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias 2024, entre eles, o de Mellor Espectáculo.