Camiño Escena Norte pecha unha edición de resistencia nun ano marcado pola fonda caída das subvencións estatais
O proxecto de intercambio de artes escénicas finaliza a súa programación de 2024 sen poder atender aos públicos de quince localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra; ademais de ter que suspender o programa Cruzamentos
Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan 15 compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, pecha a súa sexta edición. Esta, que comezou como a máis expansiva, finalizou como unha edición de resistencia debido á exclusión do proxecto das Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura, e á diminución en máis dun 50% da axuda da convocatoria de teatro e circo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). As resolucións, coñecidas cando xa arrincara a programación, obrigaron a cancelar quince funcións do Ciclo Constelacións e suspender o proxecto Cruzamentos, ademais de poñer en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica.
Camiño Escena Norte presentaba en 2024 a súa edición máis expansiva, cun incremento de sedes, estreando proxectos e extensións en máis de 60 localidades en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na edición de 2023, o proxecto foi o segundo máis valorado dos 500 presentados ás Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura. Cando a sexta edición comezara, chegaron as resolucións provisionais tanto das mencionadas axudas como da convocatoria de teatro e circo do INAEM: o aplaudido proxecto de Camiño Escena Norte quedaba fóra da axuda ministerial e vía reducida en máis dun 50% a achega do INAEM, cun recorte global, no financiamento estatal respecto ao 2023, de 73.530,20 euros.
Este pau económico fixo que a organización de CEN tomase varias decisións drásticas para poder continuar coa sexta edición -coa programación xa presentada e iniciada-: a cancelación de 15 funcións do Ciclo Constelacións (unha por compañía e tres por comunidade), a suspensión do proxecto Cruzamentos (no que estaban implicadas catro compañías) e a anulación da colaboración coa Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud. A situación obrigou tamén a suspender a actividade da Oficina CEN de Cooperación Escénica e pon en perigo a súa continuidade. Así, o traballo de CEN centrouse en ofrecer tanto ás compañías como aos públicos unha edición de resistencia, para non cancelar o programa como sucedeu con outros proxectos de artes escénicasdebido á forte caída nas subvencións estatais.
Os públicos de quince localidades quedaron sen poder gozar da programación CEN: en Galicia afectou as funcións programadas en Sobrado dos Monxes, Ames e Ribadeo; en Asturias canceláronse espectáculos en Soto del Barco, Vegadeo e Corvera; en Cantabria anulouse a programación de Castro Urdiales, Solares e Los Corrales de Buelna; en Euskadi, CEN non chegou ás salas de Muskiz, Zumaia e Eibar e, en Navarra, o recorte afectou ao programa en Tafalla, Villava e Azagra. Esta situación foi especialmente dolorosa para a organización, porque un dos éxitos do proxecto foi a relación directa cos públicos: desde a primeira edición, CEN apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción.
Ademais, a decisión ministerial danou o programa Cruzamentos, un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias -de intercambio escénico, artístico e profesional- ían participar este ano os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia), e a compañía galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (na Casa Vella, Amiadoso, Ourense). Estes proxectos quedaron suspendidos, mais a organización de Camiño Escena Norte está a buscar vías de financiamento para os mesmos de cara ao ano 2025.
O recorte tamén pon en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica, un programa de consultoría e acompañamento profesional creada en 2024 cuxo obxectivo é reforzar a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución.
Camiño Escena Norte considera que o actual sistema de subvencións no ámbito estatal, a súa falta de continuidade cos proxectos e os seus prazos de resolución e execución, fan inviable non só o crecemento, senón a propia estabilidade de iniciativas como a súa. Ao tempo, quere agradecer o compromiso co proxecto das asociacións profesionais, patrocinadores e resto de entidades financiadoras nas cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Este 2024, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Gobierno del Principado de Asturias; Gobierno de Cantabria; Eusko Jaurlaritza; Arabako Foru Aldundia, Bizkaiko Foru Aldundia; Gipuzkoako Foru Aldundia; e Nafarroako Gobernua. No ámbito institucional, colaboraron tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski mantívose como patrocinador oficial e a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria) incorporouse ao patrocinio do proxecto. A todas estas entidades, así como ás decenas de localidades que acollen a programación, Camiño Escena Norte agradece o seu apoio real e consistente, que foi fundamental para o mantemento da programación, e non sufrir a mesma sorte que outros proxectos que se viron obrigados a cancelar a súa actividade.
As asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas promotoras de Camiño Escena Norte entran agora nun período de reflexión sobre o proxecto, aínda que o obxectivo de Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) é continuar co programa. Con todo, non poden ocultar a súa frustración e tristeza pola falta de compromiso estatal cun proxecto que, desde 2019, levou o teatro, a danza e as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios sen acceso a este tipo de espectáculos.