CEN desembarca de novo no FIOT esta fin de semana con ‘Olvido Flores’, de Estefanía de Paz Asín, quen recupera a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados no 1936
O vindeiro sábado 12, o auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de ‘El nadador de aguas abiertas’, un espectáculo sobre a amizade, a zona de confort e a superación protagonizado por Markos Marín e Adolfo Fernández
O elenco das compañías vascas e navarra participará, ao remate das funcións, en sendos encontros co público asistente
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á Costa da Morte. O domingo 6, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, no marco do FIOT, a única función en teatros galegos de Olvido Flores, da navarra Estefanía de Paz Asín; mentres que o sábado 12 o auditorio municipal de Vimianzo será o recinto no que se represente El nadador de aguas abiertas, das compañías K. Producciones e Tanttaka Teatroa.
A primeira das citas enmárcase no ciclo OTNI do FIOT. A artista multidisciplinar Estefanía de Paz Asín presentará o domingo 6, ás 20.00 horas, Olvido Flores,unha peza que pon sobre a mesa a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados na localidade navarra de Lodosa en xullo de 1936. A creadora rescatou información e relatos da época para dar conta do que pasou aquela noite e iluminar a memoria da troupe circense. Ao remate da función, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, celebrarase un encontro coa artista. As entradas para á cita están dispoñibles no espazo web www.fiot.gal.
Xa de cara á semana seguinte, o sábado 12, o CEN adentrarase na Terra de Soneira. O auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de El nadador de aguas abiertas, peza que conta cos actores Markos Marín e Adolfo Fernández coma protagonistas absolutos, e na que se aborda a amizade e a superación a través da aprendizaxe da natación. A función comezará ás 20.30 horas e, ao remate, celebrarase un encontro cos actores.
As entradas para asistir ao espectáculo, producido polas compañías vascasK Producciones e Tanttaka Teatroa, xa están a venda a través www.woutick.es. Logo da súa representación na Costa da Morte, a peza, candidata a seis Premios Max 2024, poderase ver o 17 de outubro en Lugo.


AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE NA COSTA DA MORTE
06.10, 20.00h | Carballo (Pazo da Cultura)
Olvido Flores, de Estefanía de Paz Asín (NAV)
* Función enmarcada no Camiño Expandido – Vieiros: colaboración co FIOT de Carballo.
Unha troupe de máis de 50 artistas facía xira polo norte de España e apagaron as luces bailando coa morte. Achéganos os testemuños das persoas que viviron os acontecementos sucedidos en Lodosa en xullo de 1936. E gardaron o recordo. Olvido quere dar voz aos sen nome, a esas persoas esquecidas ás que ninguén lles levou flores tras a súa morte.
Artista multidisciplinar, profesional das artes escénicas, Estefanía de Paz Asín traballou para outras compañías, institucións e colectivos, combinando a condición de creadora coas habilidades como cantante, bailarina e actriz. É unha muller con formación en circo, teatro, danza e voz. Un dos seus últimos recoñecementos foi o premio Fetén á Mellor Interpretación co espectáculo La Reina del Arga no 2022.
PROMO | Fotos e vídeos de Olvido Flores, dispoñibles aquí.
12.10, 20.30h | Vimianzo (Auditorio Municipal)
El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa (EUS)
Son dous… pero non son parella. Aínda que o poida parecer en ocasións.
Son dous e son homes. Aínda que lles sobra tenrura e ganas de pasalo ben.
Son dous e vas rir con eles. Se cadra ata os queres adoptar. Pódese falar.
Son dous e necesítanse. Aínda que non o saiban.
Son dous en cartel, pero moitos no escenario.
K. Producciones, compañía con sede en Bilbao, nace en 2002 da asociación de Adolfo Fernández, actor e director, e Cristina Elso, produtora, coa intención de levar a cabo proxectos de autores contemporáneos cun marcado contido político e social. Esta aposta decidida pola autoría viuse recompensada con 3 premios Max: En la orilla, Mellor Adaptación 2018; Ejecución hipotecaria, Mellor Autoría Revelación 2015; e Vida y muerte de Pier Paolo Pasolini, Mellor Adaptación 2004.
PROMO | Fotos e vídeos de El nadador de aguas abiertas, dispoñibles aquí
20241003-CEN-na-Costa-da-Morte