A artista galego-arxentina presenta un álbum nado “para facer bailar”, no que os instrumentos de raíz, os coidados e a natureza se mesturan con música electrónica, afrobeat ou reggaeton
Cāldo, o primeiro LP da artista galego-arxentina Catuxa Salom, está dispoñible desde este xoves, 21 de novembro, nas principais plataformas dixitais. O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, fusiona a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza para facer bailar mentres avoga, enerxicamente, por tecer unha rede de coidados desde a proximidade.
Tras a romantización do rural no seu EP Nunha aldea, este outono Catuxa Salom presenta Cāldo, un disco conceptual que reflicte o duro espertar ao se decatar de que a vida no campo está lonxe da idealización bucólica que semellaba. O traballo discográfico, cheo de emocións profundas, e con cancións moito máis maduras e crúas, pon en valor o papel dos coidados e da amizade como rede fundamental de apoio.
Cāldo mergúllanos nun universo sonoro único e ecléctico no que Catuxa Salom fusiona as súas raíces indíxenas arxentinas coas galegas. O LP componse de nove pezas que nacen nun lugar concreto -a comarca da Ulloa-, pero nas que a creadora aborda cuestións universais, coma o amor propio ou a liberdade, xoga con cuestións simbólicas e até inclúe versos en francés. Instrumentos como o bombo legüero, a guitarra, o charango, a pandeireta, a voz ou o sintetizador dilúense nunha proposta rica e particular, que recolle ritmos como a muiñeira, o afrobeat, o drum and bass ou o dembow (reggaeton), e que representa á perfección o universo sonoro de Catuxa Salom: enérxico e diverso, que agroma da terra e que crece para chegar todas partes. Puro baile.
O disco de Cāldo consta de nove temas:
1. Amores rusos
2. Mar adentro
3. Ela cando baila
4. Instinto
5. Xa non ves
6. Hórreo
7. Aguas venir (Marcos Bayon remix)
8. Sauvage
9. Ojalá venga un indio
Catuxa Salom
A fusión de ritmos indíxenas arxentinos, folclore galego e bases electrónicas enérxicas é a carta de presentación de Catuxa Salom, artista que irrompeu con forza na escena independiente coa publicación do seu EP Nunha aldea, sobre o achegamento ao mundo rural. Logo de percorrer ducias de salas de concertos e festivais de toda España, e compartir escenario con artistas como Rozalén, El Kanka ou Sra. Tomasa, no 2024 acada o Premio Martín Códax da categoría Músicas do Mundo e Mestizaxe.
Escoita Cāldo nas principais plataformas dixitais
Catuxa Salom en vídeo